O Consello da Xunta aprobou este xoves o investimento autonómico de máis de 1 millón de euros para impulsar a mellora do sistema de abastecemento da parroquia de Teis, no concello de Vigo. O Executivo autonómico autoriza así a sinatura do convenio de colaboración técnica e financeira co Concello de Vigo para executar a primeira fase da mellora do sistema de saneamento desta parroquia.
Segundo o convenio autorizado hoxe polo Goberno galego, a entidade adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, asume integramente a financiación da actuación, que está cofinanciada con Fondos Feder 2014/2020. Unha vez autorizado polo Consello, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade estará en disposición de asinar os vindeiros días o convenio de colaboración co Concello de Vigo, que deberá realizar a tramitación municipal.
Unha vez feito isto, a Xunta procederá á licitación dos traballos co obxectivo de poder inicialos no vindeiro ano 2021. O convenio terá efectos desde a data da súa sinatura e estenderá a súa vixencia ata o 31 decembro de 2021. Augas de Galicia levará a cabo a contratación da execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.
Pola súa banda, o Concello de Vigo comprométese a incorporar ao patrimonio público municipal as obras, á súa posta en servizo, á súa explotación e á súa conservación e mantemento. Os traballos que se propoñen executar ao abeiro deste convenio inclúen unha serie de melloras na actual rede de saneamento de Teis que permitan, por unha banda, reducir os problemas de infiltracións de augas brancas que están a provocar unha sobrecarga hidráulica continua; e, por outra, que as masas de augas costeiras no entorno da estación depuradora de augas residuais melloren os obxectivos medioambientais para augas de baño.
As intervencións definidas no proxecto redactado polo organismo hidráulico da Xunta, recolle as actuacións consideradas prioritarias para a mellora do sistema de saneamento nesta parroquia. Trátase da ampliación e mellora da rede separativa na zona de Baixada a Ríos e da renovación do colector do río Paraxail.
Na zona da Baixada a Ríos, construirase unha nova rede de pluviais con saída ao mar no dique existente na praia de Ríos, proxectada con suficiente capacidade para a súa prolongación futura. Tamén se mellorará a rede de augas fecais. No colector do río Paraxail, actuarase en dous tramos deste: na súa parte máis augas arriba, no entorno do parque de Bombeiros, e na súa zona intermedia entre o IES de Teis e o cruce co ferrocarril. O Goberno galego, aínda que a competencia do saneamento e abastecemento é municipal, vénlle prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz estes servizos.