O goberno autonómico inverterá máis de 100.000 na redacción do estudo, no que se proporán actuacións concretas que favorezan os desprazamentos a pe ou en bicicleta. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas utilizará o produto destes traballos para programar un investimento de máis de 28 millóns de euros de fondos europeos que o presuposto comunitario 2014-2020 destina ao fomento da mobilidade sostible en Galicia.
Este contrato enmárcanse nun conxunto de actuacións que a Consellería de Medio Ambiente está a desenvolver para impulso das formas de transporte menos contaminantes, das que se derivarán importantes melloras medioambientais ao reducir a pegada de carbono.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez está a traballar non só na adopción de medidas que favorezan a utilización do transporte colectivo (como a execución de aparcadoiros disuasorios) ou de medios de transporte público (mediante o plan que está a desenvolver para implantación do transporte metropolitano), senón tamén acometendo melloras na rede viaria que faciliten a migración cara os desprazamentos en bicicleta ou peonís.
Mediante o estudo que hoxe se licita se analizará a situación actual en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas na rede de estradas autonómica, e se proporán actuacións concretas para favorecer unha mobilidade urbana e interurbana máis sostibles.
De xeito especial, analizarase a execución de sendas que permitan unha conexión urbana – rural para evitar a utilización do vehículo privado de curto e medio percorrido. O Goberno galo entende que cunha mellor ordenación dos distintos modos de transporte mellorarase ademais a seguridade viaria, estabilizando a circulación con velocidades máis homoxéneas e menores interferencias entre os distintos usuarios das estradas.
A área de estudio centrarase na comarca de Vigo, formada polos seguintes concellos: Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Soutomaior e Vigo, polo que o contratos licitado no día de hoxe suporá un beneficio para os máis de 500.000 habitantes desta comarca.
O orzamento de licitación deste contrato de servizos, IVE incluído, será de 102.943,88 €, e o prazo para a redacción dos estudos iniciais e dos posteriores proxectos será de 12 meses.
Ademais deste contrato, a Consellería licita tamén no día de hoxe outros dous estudos para identificación de sendas nas comarcas da Coruña e Bergantiños, aos que se engadirán nos próximos días os estudos correspondentes a outras catro comarcas galegas.
As áreas de estudo foron seleccionadas tendo en conta o resultado dunha análise multicriterio na que se valoraron, para cada comarca galega, a poboación, a lonxitude da rede autonómica e dos treitos urbanos de estrada, e os incidentes rexistrados nos últimos anos nos que se viron involucrados peóns.
Traballos a desenvolver
O contrato que hoxe licita a Axencia Galega de Infraestruturas comprenderá dúas actuacións diferenciadas: en primeiro lugar, realizarase un estudo inicial de identificación de sendas na comarca de Vigo, no que se analice a situación actual na área de estudo en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas e se propoña a realización de actuacións concretas para resolver a problemática que poida detectarse; en segundo lugar, redactarase un proxecto construtivo no que se desenvolverán as actuacións identificadas coma necesarias.
O estudo inicial de identificación de sendas centrarase en relacionar os focos de atracción de peóns e/ou ciclistas (incluíndo focos de tipo comercial, sanitario, relixioso, deportivo, lúdico, industrial ou residencia) cos seus puntos de xeración correspondentes (fundamentalmente residenciais). Así, deduciranse as rutas peonís e/ou ciclistas que os deberían de unir, identificando aquelas xa existentes, as xa planificadas, e outras onde podería ser necesario executar algún tipo de senda.
A continuación, realizarase unha análise comparativa da oportunidade de executar cada un dos treitos de senda identificados, para xerarquizar a proposta de actuación. Para apoiar o sistema de selección, incluirase unha estimación dos obxectivos a acadar coas actuacións propostas, segundo os indicadores que estableza a administración.
Finalmente, redactaranse un proxecto de construción no que se definirán as obras a acometer nos treitos de sendas identificados como necesarios. Co fin de favorecer a integración paisaxística e ambiental das sendas, na redacción dos proxectos de construción aplicaranse criterios para a súa correcta integración no territorio tal e como determina a Estratexia da paisaxe galega que se está a desenvolver.
Fomentar prácticas respectuosas co medio ambiente
Galicia acolle un territorio caracterizado por unha elevadísima dispersión da poboación, o que deriva na existencia de gran cantidade de estradas. Ademais, os bordes das infraestruturas viarias teñen servido no pasado en Galicia como apoio ao crecimiento dos núcleos de poboación, o que ten favorecido a utilización indiscriminada dos vehículos privados, mesmo para desprazamentos de curto percorrido.
A Consellería de Medio Ambiente está actualmente a desenvolver diversos programas cos que se pretende favorecer a sostibilidade ambiental, reducindo a utilización dos vehículos privados, tanto coa execución de infraestruturas que favorezan a utilización de formas alternativas de transporte,menos contaminantes, coma mediante o fomento do transporte colectivo ou público.
Nos últimos anos, o departamento de Infraestruturas ten executado varias obras de construción de carrís para uso peonil e ciclista, coma as levadas a cabo na comarca de Vigo nas estradas Vigo-Baiona (PO-325) e Baiona – A Guarda (PO-552). Estas actuacións supuxeron a posta en servizo de mais de 40 Km de infraestruturas diferenciadas destinadas a favorecer a circulación de peóns e bicicletas, e requiriron dun investimento superior aos 24 millóns de euros. A utilidade destas sendas verase complementada coas resultantes do estudo que se hoxe licita.
Para favorecer a utilización compartida dos vehículos fronte ao uso individual, a Consellería, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, promove en Moaña dous aparcamentos disuasorios (un en Broullón e outro en Domaio), que pretenden favorecer a utilización dos vehículos de forma colectiva. O primeiro deles, situado no enlace do corredor do Morrazo coa estrada PO-313 (Marín-Moaña) xa está en servizo.
Por último, no capítulo de fomento do transporte menos contaminante, o Plan de Transporte Metropolitano da Área de Vigo, recentemente presentado, colaborará de xeito definitivo na potenciación do transporte público interurbano, ao reducir os custes do transporte.
Con estes actuacións, o executivo autonómico pretende fomentar prácticas e comportamentos mais respectuosos co medio ambiente, facilitando ou facendo posible a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios.