López-Chaves informou á dirección do colexio da imposibilidade legal de aplicar a Lei de Medidas en Materia de Proxectos Públicos de Urxencia ou de Excepcional Interese, tal e como demanda o alcalde de Vigo, ao dispoñer o Concello de ferramentas urbanísticas que permiten a intervención municipal.
Segundo recordou, “o Concello non ten impedimento algún para acometer a nova vía de acceso ao centro escolar, nin agora nin desde o 2007 cando chegou Caballero á Alcaldía, polo que non pode buscar escusas”. “Queda claro e, así llo transmitín a directiva do CEIP, que é unha cuestión de vontade política”, apuntou.
Interpelado ao respecto das razóns que levan a rexeitar a aplicación da denominada ‘Lei Vigo’, López-Chaves advertiu que esta normativa está pensada para actuacións doutras administracións distintas ás locais e sen competencias urbanísticas, caso da ampliación do Polígono de Balaídos por parte de Zona Franca ou da Estación Intermodal promovida pola Xunta de Galicia, nos municipios que carecen de planeamento xeral.“A diferencia neste caso –aclarou- é que o Concello conta con ferramentas para o desenvolvemento neste ámbito, clasificado coma solo urbanizable programado no planeamento de 1993. En consecuencia, subliñou, a anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, en sentenza firme do Tribunal Supremo do 10 de novembro de 2015, non afecta a esta intervención.
Así, tras recordar que a execución destes accesos son única e exclusivamente competencia do Concello de Vigo, expuxo que este debe amparar a súa execución na tramitación e redacción dun plan parcial, un plan especial de infraestruturas o, a través dunha modificación do Plan Xeral, como está a facer para o proxecto do Barrio do Cura, “sen necesidade, por tanto, de aplicar ningunha medida extraordinaria”.