A concelleira da Marea de Vigo, Oriana Méndez, reclamou este xoves ao Concello que medie ante Abanca para evitar o peche de oficinas bancarias no rural vigués despois do anuncio feito en Sárdoma. «Vigo queda apenas con 40 oficinas para unha poboación de máis de 300.000 habitantes, co volume maioritario de clientes ao herdar a carteira da antiga caixa de aforros», sinalou.
Segundo a concelleira, é necesario «unha presión institucional sobre esta empresa para manter a rede operativa mínima de servizo. O peche da rede operativa no municipio está xerando, especialmente na periferia, unha fenda financeira evidente con maior impacto nas persoas maiores».
«É un feito que Abanca incumple o expresado apenas hai un mes na presentación do Plan de acción de Banca Responsable e Sostible, durante a cal se comprometeron a non realizar redución nin peches de oficinas ao considerar a rede actual como eficiente pese a ter xa un 72% de clientes dixitais», apunta Oriana Méndez.
Marea de Vigo lembra que a entidade que deu orixe a Abanca foi rescatada con máis de 9.000 millóns de euros de cartos públicos «e, pese ao ano dificil pola pandemia Covid-19, a empresa obtivo no exercicio pasado máis de 160 millóns de euros de beneficios e máis de 400 no exercicio 2019, xusto os anos nos que a precarización laboral do cadro de persoal e o peche de oficinas comenzouse a cronificar» matiza Méndez.
Marea de Vigo insta ao Concello e ás AAVV das parroquias de Vigo a que lideren a defensa dunha rede bancaria accesible. «Rescatáronse entidades privadas de crédito e a caixas de aforro co diñeiro dos contribuíntes (máis de 46.000 millóns de euros, máis o importe de avais e subvencións) e este rescate ten que obrigarlles a garantir unha rede pública en vez de ser un mecanismo que comprometeu recortes e políticas antisociais», conclúe a concelleira.