O alcalde de Vigo, Abel Caballero, propuxo este luns nomear Vigués Distinguido a Antonio Coello, subdelegado do Goberno na provincia entre 2012 e 2016 e concelleiro ata o 2011. «Foi un home que fixo un traballo, desde as súas posicións políticas, pero tamén institucionais en favor desta cidade”, sinalou o rexedor.
En rolda de prensa, Abel Caballero trasladou este luns unha nova proposta para ser galardoado este ano co Vigués Distinguido. Trátase de Antonio Coello Bufill, concelleiro en Vigo ata o 2011 e subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra entre 2012 e 2016.
“Quero que ostente o nomeamento de Vigués Distinguido”, argumentou o rexedor vigués, polo seu “traballo, desde as súas posicións políticas, pero tamén institucionais en favor desta cidade”. Coello, xubilado como funcionario de carreira do Corpos Superior de Inspectores de Traballo e Seguridade Social, ingresou nos anos setenta no Instituto Nacional de Previsión, accedeu ao Corpo Superior da Administración do Estado e exerceu varios cargos da Tesourería Xeral da Seguridade Social. Posteriormente, entre 1994 e 2003 foi designado delegado provincial da Consellería de Xustiza e Relacións Laborais da Xunta, concelleiro en Vigo ata o ano 2011 e, entre o 2012 e o 2016, subdelegado do Goberno de España na provincia de Pontevedra.
O nomeamento, que terá que ser ratificado polo Pleno da Corporación, engádese aos nomes xa propostos polo alcalde de Vigo: Francisco Castro (director da Editorial Galaxia e escritor), os centros de ensino que cumpren 50 anos (Martín Códax, Fonte Oscura e Cristo da Victoria) e as traballadoras sociais, educadoras sociais e técnicas de inclusión social do Concello.