A parlamentaria viguesa do PSdeG, Isaura Abelairas, esixe á Xunta de Galicia que asuma “de inmediato” as súas responsabilidades e “garanta os recursos necesarios” para a posta en marcha dos servizos de comedor, aulas matinais e actividades extraescolares xestionados por Foanpas. Tras participar este martes na concentración convocada pola Federación de Nais e Pais ante a delegación da Xunta en Vigo, Abelairas censurou a “situación de abandono e desleixo” que “milleiros de familias” están a padecer na cidade olívica.
A só dous días para o inicio do curso escolar, a deputada viguesa lamentou que “ninguén na Xunta” se teña preocupado “por solucionar este grave problema”. “Hai semanas xa que Foanpas comunicou que non podía xestionar estes servizos pola falta de recursos e de protocolos de seguridade por parte da consellería de Educación”, sinalou Abelairas, e como consecuencia disto máis de 2.500 nenas e nenos “veranse privados do seu dereito a comedor” e 15.000 daa posibilidade de “dispor de aula matinal”.
O Grupo Parlamentario do PSdeG lembra á Xunta que “é a súa competencia” ofertar estes servizos, “necesarios para a conciliación das familias e para garantir en moitos casos unha alimentación en condicións das nenas e nenos”. No transcurso do acto, Abelairas salientou que Foanpas vén xestionando dende hai máis de 20 anos estas actividades esenciais “con moito esforzo e moi poucos apoios, pero sempre pensando no ben das nosas fillas e fillos”.
Neste sentido, para a parlamentaria viguesa, “o máis grave e sorprendente é que a Xunta non teña a máis mínima vontade de sentarse a dialogar, poñendo así de manifesto a súa incapacidade e falta de responsabilidade”.
“As nais e pais non son expertos nin técnicos”, engadiu Abelairas, e é por iso que “non poden de ningún xeito” asumir a xestión dos comedores e actividades extraescolares sen “protocolos específicos validados por inspectores e profesionais sanitarios”. Nesta liña, a deputada socialista instou á Xunta a establecer “unha mesa urxente de diálogo” con Foanpas que derive “nunha solución para as familias esta mesma semana”.