Tres premios no Mestrado en Estudos Ingleses Avanzados e as súas aplicacións, catro premios no Mestrado en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde e dous premios no mestrado interuniversitario en Lingüística Aplicada. A UVigo acaba de abrir o prazo de presentación nos Premios aos expedientes académicos coas mellores cualificacións para o estudantado nos mestrados universitarios no curso que agora remata, axudas coas que recoñecer e incentivar as alumnas cos mellores expedientes académicos destes tres mestrados.
A contía máxima de cada premio é de 250 euros e o prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 30 de setembro. Como únicos requisitos para presentarse establécese estar matriculado nalgún destes tres mestrados no curso 2021/2022 e ter presentado e superado o Traballo Fin de Mestrado.
A selección será efectuada pola comisión de avaliación, establacéndose en cada un dos títulos o seu propio criterio. No caso do Mestrado de estudos ingleses avanzados empregarase como baremo a nota media do expediente académico do mestrado; no caso do Mestrado interuniversitario de Lingüística Aplicada terase en conta a nota obtida no traballo final de mestrado e, no de Dirección e Planificación do Turismo a nota media do expediente académico do mestrado contará un 70% e o 30% restante valorará o currículo relacionado cos estudos.