O grupo municipal da Marea de Vigo acusou este martes ao alcalde da cidade de “enganar” á cidadanía coa nova tarifa da auga, que entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro e foi promocionada por Abel Caballero como unha medida de aforro. A formación lembra que o actual consumo mínimo –que obriga a pagar polo menos 35 euros cada dous meses- será substituída por unha cota fixa bimestral de 28,62 euros. A este importe haberá que engadir a parte variable en función do gasto que faga cada fogar, polo que o aforro será mínimo se é que se produce.
“Interpelamos ao alcalde de Vigo a que non volva a mentir usando os medios de comunicación para ‘vender unha moto’ ás viguesas e vigueses que nada ten que ver coa realidade. Nin aforro na tarifa nin políticas de incentivar o aforro”, declarou o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez.
Pérez explicou con detalle o que van significar os cambios no recibo da auga recentemente anunciados “ostentosamente” por Abel Caballero. “O truco non está nos novos bloques de tarificación, senón no ‘movemento’ dos conceptos da propia factura. De 7,6 euros de cota fixa se pasa a 28,62 euros”, lembrou. Este incremento, segundo o voceiro municipal, “é necesario para cubrir as varias reparacións que precisan infraestruturas como a potabilizadora de Casal, a de Valadares ou a renovación dos colectores”. “Tales reparacións precisan dun investimento de 100 millóns de euros, que sairá dos petos da veciñanza de Vigo a través desta nova facturación”, advertiu.
O representante da Marea lamentou a “oportunidade” perdida para ter un sistema “máis social” que premiase o aforro ante a evidente necesidade dun consumo máis consciente e sostible. “A realidade nada ten que ver con ese sistema e calquera persoa pode coller a súa factura, ler a tarifa, facer o cálculo segundo a nova tarificación e darse conta da trampa”, afondou Pérez.
Pola súa banda, a concelleira Oriana Méndez apelou á necesidade de comezar a levar a cabo políticas de remunicipalización dos servizos municipais. “O 2019 tiña que ser o ano das remunicipalizacións. Xa non falamos só da empresa que xestiona a auga na nosa cidade, senón das políticas privatizadoras implantadas por este Goberno nos últimos anos”, resaltou.