Segundo informou a CIG, o acordo adoptouse sen ningún voto en contra, sendo o único nome proposto, a iniciativa da propia Executiva comarcal, logo da renuncia voluntaria de Serafín Otero, por ser designado candidato do BNG ás eleccións municipais.
Na súa intervención diante da dirección comarcal o recén eleito secretario comarcal tivo palabras de agradecemento cara ao seu predecesor, salientando «a entrega militante, o compromiso co proxecto CIG e a enorme xenerosidade» coa que desempeñou a súa responsabilidade. Gonçalves expresou tamén a súa vontade de dar continuidade ao traballo iniciado pola actual executiva comarcal, manifestando que cre «no traballo en equipo e nos liderados colectivos».
A CIG sinala que desde o convencemento de que o actual contexto de crise e duros recortes sociais «o proxecto CIG é máis indispensábel que nunca», o novo secretario comarcal apostou por «fortalecernos organizativamente e articulando e sumando as nosas enerxías, esforzos e capacidades», poñendo «por diante o que temos en común» a partir da idea de que «na CIG non sobra ninguén». Con estas claves pretende reforzar a CIG como «o mellor instrumento da nosa clase para avanzar cara a Galiza ceibe e sen explotación que soñamos».
Sindicalista desde a base
Alberte Gonçalves (52 anos), leva militando no sindicalismo nacionalista e de clase desde hai máis de 26 anos. Traballador do sector farmacéutico, foi Secretario Nacional da federación de Químicas da CIG. É Presidente do Comité de Empresa de Biofabri e recentemente resultara elixido Secretario de Organización de CIG-Industria a nivel nacional. O seu nome foi proposta da Executiva Comarcal e contou co referendo da Dirección Comarcal confederal, máximo organismo da CIG entre congresos.