O grupo municipal da Marea de Vigo alertou este venres do “perigo” que pode supoñer que o Servizo de Axuda no Fogar que presta o Concello mediante concesión acabe nas mans da empresa DomusVi.
O servizo, ata agora en mans de Clece -propiedade de Florentino Pérez- podería ser adxudicado nos proximos días a Servisar, firma do grupo DomusVi, “unha empresa tristemente destacada en precarizar os coidados para optimizar o seu negocio”, destaca Oriana Méndez, concelleira da formación.
“Defendémolo no Pleno do Concello de Vigo o mes de xullo, aberto o proceso de licitación do Servizo de Axuda no Fogar: se hai negocio, non hai coidados. Cómpre avanzar na municipalización do Servizo de Atención no Fogar e garantir unhas condicións dignas no traballo esencial dos coidados”, apunta Méndez. Do mesmo xeito, “tamén defendemos e seguimos a defender a necesaria xestión pública directa dos centros socio-sanitarios de atención á dependencia, nomeadamente as residencias de maiores”, engade.
A xestión de Clece e o exercicio de control por parte do Goberno local presentaba xa moitas dúbidas, como ten expresado a Plataforma SAF Galiza “pero a concesión a DomusVi cando aínda estamos en plena pandemia resulta verdadeiramente preocupante”, matiza a concelleira.
Nos últimos meses, DomusVi foi denunciada ante a Fiscalía por parte de familiares de residentes e foi sinalada publicamente por someter a un “trato indigno” tanto ás traballadoras como ás usuarias, malia cobrar “inxentes” cantidades económicas aos seus residentes. Ademais, desde que comezou a pandemia os seus centros de maiores acumulan centos de contaxios por Covid-19 e tiveron que ser intervidos polos respectivos gobernos rexionais. Non só na área metropolitana de Vigo (Barreiro e Aldán), senón tamén en Galicia (San Lázaro e Outeiro de Rei) e no resto de España (Alcoi, Alcalá de Henares, Premià de Mar…).
“DomusVi representa un claro exemplo de mercantilización do dereito aos coidados. Representa, precisamente, o camiño errado: caos, desatención dos usuarios e precarización das traballadoras. Vímolo nos peores momentos da pandemia”, incide Oriana Méndez.
Marea de Vigo denuncia ademais a “chantaxe empresarial e as presións” que estas empresas de servizos estarían exercendo nos concellos para condicionar os prezos e incluso inflalos coa “escusa” da aplicación dos protocolos da covid (non correspondida cos equipos de prevención entregados ás traballadoras tal e como veñen denunciando), ameazando incluso con deixar de prestar o servizo (caso de Cangas).
“As administracións deberían evitar esta chantaxe empresarial permanente remunicipalizando o servizo, tal e como teñen feito moitos concellos do estado”, engade Oriana Méndez. “Insistiremos en que o Concello de Vigo avance na xestión pública directa dos servizos sociais, pois non podemos permitirnos que a saúde e a vida das nosas veciñas máis vulnerables sexa obxecto de negocio para uns poucos”, conclúe a concelleira.