O docente e investigador do Departamento de Tecnoloxía Electrónica e director da Área de Estudos de Grao en funcións, Alfonso Lago Ferreiro, asumirá a Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións no novo equipo de goberno da UVigo saído das eleccións celebradas a pasada semana.
Logo do repentino falecemento de Manuel Ramos, o reitor en funcións, Manuel Reigosa, encargou a Lago ocuparse da vicerreitoría, cuxas competencias quedarán definidas en próximos días, mentres que o cargo o asumirá a partir da toma de posesión do reitor. Ata ese momento, os asuntos de trámite a tratar na Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado quedou delegada na vicerreitora en funcións Belén Rubio.
“Para min supón un enorme reto, porque o baleiro que deixa Manuel Ramos é insubstituible. Non obstante, poñeremos enriba da mesa o noso esforzo para acadar os obxectivos marcados nas liñas programáticas definidas durante a campaña electoral”, asegura Lago, que tamén se compromete a continuar coa forma de traballo de Ramos, “escoitar, dialogar e tratar de afondar na mellora continua”. Nesta nova etapa á fronte dunha vicerreitoría, Alfonso Lago considera que pode achegar “esforzo e traballo e formar un equipo de gran capacidade que poña o seu talento na procura de levar adiante as liñas marcadas no programa de goberno”, sinala.
Nacido en Lalín en 1962, Alfonso Lago é licenciado en Ciencias Físicas (Especialidade de Electrónica) pola USC e doutor enxeñeiro industrial pola UVigo. Adxunto ao vicerreitor de Ordenación Académica da UVigo entre os anos 1995 e 1997, Lago dirixiu o Departamento de Tecnoloxía Electrónica entre os anos 2001 e 2003 e desde 2009 a 2012. Antes de ocupar a dirección da Área de Grado da UVigo, foi director da Área de Profesorado entre xuño e novembro de 2018. As súa actividade investigadora inclúe temas de alimentación conmutadas, control aplicado aos convertedores de potencia, ademais de temas de innovación educativa relacionados cos xogos serios e dixitalización de contidos. Participante na organización de diversos congresos internacionais e nacionais, Alfonso Lago é membro sénior do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) do que na actualidade é asesor na Rama de Estudantes na UVigo .
Cara á nova etapa que emprenderá á fronte da Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulación, Lago asegura que aproveitará a experiencia en xestión acumulada ao longo do anos. “O contacto mantido estes anos con decanatos e direccións de centros, fundamentalmente, permitíronme coñecer o fácil que é traballar con eles. Sempre atopei colaboración en todos os temas, o mesmo que nos servizos de Grao, Soporte Académico e a Área de Calidade, onde sempre encontrei axuda na resolucións dos atrancos que atopabamos”, explica Lago.
Con todo, o futuro vicerreitor valora por enriba de todo traballo de catro anos “cóbado con cóbado con Manolo, que me permitiu ir aprendendo día a día na xestión da vicerreitoría. A mágoa foi non poder seguir aprendendo ao longo desta etapa que vai comezar”, lamenta Lago, para quen ademais dun compañeiro, Ramos “era un amigo de moitos anos, co que compartín non só traballos relacionados coa mellora da nosa universidade, senón tamén moitas afeccións”.
Oferta formativa e renovación de PDI
Sobre os retos que afrontará, e que se recollen nas liñas programáticas presentadas como programa de goberno para os vindeiros catro anos, Alfonso Lago incide en que unha vez aberto o mapa de titulacións, “temos que seguir a traballar intensamente para chegar a acordos na implantación dos mestrados Galicia 2030 e poñer en marcha novos graos que se ofertan na universidade pública do Estado, pero que aínda non é posible cursar en Galicia para manter unha oferta formativa atractiva para o estudantado, cunha aposta clara no fortalecemento da Escola Aberta de Formación Permanente”, detalla.
En canto ao profesorado, destaca a obriga de seguir a traballar na definición dunha carreira docente e investigadora clara e estable, “identificando e negociando os diversos pasos que haberá que percorrer, así como a definición das necesidades de renovación do cadro de PDI”, lembra.