A Xunta de Goberno Local deu luz verde este martes á proposta de adxudicación das obras para o proxecto de desenvolvemento urbano sostible de conexión da rúa San Salvador coa praza de Isabel La Católica que comunicará estas dúas zonas dun novo ascensor.
Para o alcalde a obra supón un avance na «transformación radical da cidade» cun novo ascensor público para uso das viguesas e vigueses. Súmase ao xa existente en Pi i Margall, ás escaleiras mecánicas da II República na Porta do Sol, ás escaleiras e o ascensor que conecta Pizarro co barrio de Ribadavia así como aos próximos ascensores que comunicarán Marqués de Valterra con Torrecedeira e Torrecedeira con Pi i Margall. Ademais, adiantou que o Concello instalará tamén unha escaleira que sobe á ladeira do Castro desde Camelias para «seguir co Vigo Vertical» dentro da Estratexia DUSI que se cofinancia con fondos Feder da Unión Europea.