A nova tempada de obradoiros de Extensión Universitaria da Uvigo para o segundo cuadrimestre chega con sabor a viño e a mel. Son 11 propostas formativas alternativas nas que as principais novidades son un obradoiro de cata de viños e outro de apicultura, novas propostas que se suman a outras xa clásicas como a elaboración de pan de formento, agricultura orgánica, cultivo de cogomelos, posta en escena dunha obra teatral, música e baile tradicional.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo, os prezos varían entre os 26 euros para a comunidade universitaria, os 32 euros para outros colectivos vinculados coa UVigo e os 40 euros do público en xeral. O prazo para inscribirse arranca o luns día 6 e manterase aberto ata o xoves 16 de febreiro.
Ventá aberta ao mundo do viño e das abellas
Para os amantes da viticultura ou, simplemente para quen queira aprender máis sobre o mundo do viño, lánzase o obradoiro Introdución á cata e tipoloxía de viños de Galicia, Portugal e España, unha proposta que chega da man de José Argibay e Juanjo Figueroa, presidente da Asociación de Sumilleres de Galicia e copropietario do restaurante vigués Lume de Carozo (Joaquín Yañez, 5), local no que se desenvolverán as clases. Será todos os mércores de 17:00 a 20:00 horas dende do 1 de marzo ao 10 de maio.
No caso do Obradoiro de Apicultura ponse en marcha co obxectivo de que o alumnado adquira os coñecementos necesarios para manter as colmeas sas e en estado de produción, coñecendo que produtos se poden obter e como colleitalos: mel, pole, cera, xelea real, apitoxina, propóleos, etc.
Impartido por José Garrido, as clases desenvolveranse no salón de actos da Ecimat todos os sábados de 09:00 a 14:00 horas desde o 25 de febreiro ata o 18 de marzo. Partirase dunha aproximación xeral ao mundo das abellas, para, pouco a pouco, aproximarse a distintas cuestións de interese (normativa vixente, material empregado, tipos de colmeas, coidados, técnicas de multiplicación, de anestesiado…).
Continúa a colaboración con Óscar Avendaño
Como é habitual a música segue a ter un forte peso na programación dos obradoiros. Tras a fichaxe no primeiro cuadrimestre de Óscar Avendaño, baixista de Siniestro Total, como convidado no obradoiro Miradas de música, a colaboración continúa agora con Tres acordes e a verdade: viaxe ao interior das cancións que impartirán de maneira conxunta a docente da UVigo Susana Rodríguez Barcia e o propio Avendaño. O obxectivo é achegar ao alumnado as claves compositivas da música rock e pop, en especial en canto á relación das letras coa historia política e social e as circunstancias persoais dos e das artistas. Será no café A Casa de Arriba (Martín Códax, 23 Vigo).
Continúa tamén a Aula de Música Tradicional, obradoiro de música e baile tradional galego, así como o Obradoiro básico de Ukelele e o de Posta en escena dunha obra teatral, dirixido á preparación da obra coa que representarán á UVigo na vindeira edición da Miteu.
Moita natureza e gastronomía
Volven tamén diferentes obradoiros relacionados co mundo da natureza, entre eles o de Cultivo doméstico de cogomelos, unha opción que inclúe o cultivo práctico de varias especies de cogomelos de interese gastronómica, coñecementos teóricos e todo o material preciso; Descubrindo as árbores: identificación e usos, dirixido a que as persoas asistentes aprendan a coñecer e identificar as diferentes especies de árbores, así como a recoñecer que especies son comestibles e que propiedades nutracéuticas teñen, que outras aplicacións poden chegar a ter… , así como o Obradoiro práctico de agricultura orgánica. Deseño, planificación, implantación e manexo dunha horta orgánica, continuación do que xa se impartiu no primeiro cuadrimestre (máis teórico) e no que agora se centrarán en facer as plantacións no horto universitario que está situado detrás do Cinbio.
O cadro de posibilidades de talleres relacionados co mundo da natureza complétase con Plantas silvestres comestibles, identificación no campo e usos na cociña, que, un ano máis, correrá a cargo de Patricia Puga. As clases alternarán neste caso as explicacións teóricas coa recolleita das plantas e a súa preparación, que se levará a cabo na cociña da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Completa o abano de posibilidades o obradoiro Pan de formento. Recobrando a tradición, impartido por César Lema, co que se pretende recuperar a idea do pan como alimento básico de sempre. Falarase nestas clases dos diferentes tipos de cereais e as súas propiedades, das vantaxes de empregar o formento no canto do lévedo prensado, pero tamén haberá oco para a práctica, de maneira que cada participante poida elaborar os seus propios pans que logo cociñará no forno da súa casa.