Os cursos de español para persoas inmigrantes que pecharán a sexta edición deste programa que desenvolve a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo arrancaron este luns na cidade olívica. A acción formativa ten como obxectivo esencial a preparación da proba DELE A2 de español, un requisito imprescindible para obter a nacionalidade española. A trintena de persoas que realizan a acción formativa recibiron hoxe o recoñecemento da presidenta provincial, Carmela Silva, que quixo subliñar “o enorme esforzo” do alumnado por participar nestes cursos e a súa implicación: “Levamos xa nas distintas edicións cerca de 300 persoas participantes e a gran maioría, case un 90%, aprobaron o exame e este ano vaivos ir moi ben, espero que teñamos o 100%”.
O alumnado deste curso, que se desenvolve na sede da Deputación en Vigo, procede de Marrocos, Brasil, Senegal, Mauritania, Nixeria, Portugal e Ucraína, con maioría de mulleres. “Encántame –subliñou Carmela Silva- que saiban que teñen que ocupar o seu espazo e que é necesario avanzar todas e todos. O noso traballo é escoitar á xente e intentar mellorar a súa vida e para iso é para o que debemos estar”. A docente é Lorena Rodríguez coa dirección da coordinadora académica do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, Mercedes Álvarez.
A presidenta provincial tamén incidiu en que nesta edición ofrécese ás persoas que están traballando a posibilidade de realizar o curso en remoto, co apoio do profesorado. Igualmente, é posible que poidan levar aos seus fillos e fillas, para facilitar a corresponsabilidade familiar. “Estou moi orgullosa do esforzo que facedes para avanzar –engadiu Carmela Silva-. O mundo cambia coa xente que é optimista e loita polo que desexa, e todos e todas podémolo facer, aínda que somos moi conscientes das dificultades”.
O curso finalizará o 30 de setembro, e despois o alumnado poderá presentarse ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo. Para as persoas que realizaron o primeiro curso desta sexta edición, celebrado en Vigo entre maio e xuño, xa hai data para a avaliación, os días 8 e 9 de outubro.
Hai que lembrar que a proba do Diploma de Español Como Lingua Estranxeira (DELE) A2 é un requisito indispensable para acadar a nacionalidade española. Require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade e que pode favorecer procesos de exclusión social. A través deste programa, a Deputación subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no exame.
Nos exames do pasado ano, aos que se presentaron 44 persoas, houbo un 95,45% de persoas aprobadas, a maioría procedente de Marrocos, Brasil e Senegal, que fixeron grandes esforzos tanto a nivel académico como persoal para acadar esta meta.