As bibliotecas centrais dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra ampliarán ata o domingo 24 de xaneiro o seu horario de atención ao público co obxectivo de facilitar ao alumnado a preparación dos exames do primeiro cuadrimestre. Así, estas tres instalacións estarán dispoñibles os sábados e domingos en horario ininterrompido de 09.00 a 21.00 horas. Tamén abre co mesmo horario a biblioteca de Torrecedeira, pero neste caso o servizo restrínxese unicamente ao alumnado da Universidade de Vigo, de xeito que non se permite a entrada ao público alleo.
Con todo, por mor da situación da pandemia da Covid-19, a capacidade das salas viuse reducida, polo que dende a Biblioteca Universitaria recomendan consultar a páxina web para informarse sobre a dispoñibilidade de postos de estudo nas catro bibliotecas en tempo real. Tamén lembran que o uso dos postos de estudo durante as fins de semana está sometido ás mesmas normas de seguridade que nos horarios ordinarios, en especial a obrigatoriedade de levar máscara e facer uso individual dos postos, sempre cunha separación non inferior a 1,5 metros en cada un dos seus catro lados.
Ademais, durante estes horarios especiais as bibliotecas só prestan un servizo de espazo de estudo e de consulta de materiais bibliográficos de libre acceso, pero non outros servizos ordinarios como préstamo, préstamo interbibliotecario, acceso a recursos electrónicos etc.
No período non lectivo de Nadal, entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, ambos inclusive, as bibliotecas abrirán de luns a venres cun horario reducido. No caso de Vigo, a Biblioteca Central e a de Torrecedeira abren de 09.00 a 19.00 horas. As do Edificio de Ciencias Experimentais, as das facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía e Tradución e EE de Telecomunicación, de 09.00 a 14.00 horas, aínda que a de CCXX e do Traballo estará pechada do 28 de decembro ao 7 de xaneiro. No caso da biblioteca das escolas de Enxeñaría Industrial e Enxeñaría de Minas e Enerxía, o horario neste período será de 09.00 a 19.00 horas.