A embarcación do equipo español que compite na Volvo Ocean Race levará rotulado o emblema «Illas Cíes, Patrimonio da Humanidade» como apoio á candidatura viguesa.
Nunha reunión celebrada este mércores entre Abel Caballero e Pedro Campos, o director do Desafío Español comunicóulle que o equipo se suma desta forma á campaña, o que o alcalde de Vigo agradeceu tanto a Campos como a Mapfre e o resto de patrocinadores, pois representa unha «promoción singular e importante» e sen coste para as arcas municipais.
O rexedor vigués explicou que as próximas etapas da volta ao mundo de vela levarán a candidatura das Illas Cíes a Brasil, os Estados Unidos, Portugal, Francia, Holanda e Suecia, grazas a unha embarcación que porta a bandeira de Vigo desde o inicio do campionato.