O alcalde anunciou este martes o inicio dunha nova campaña turística para darlle contido ás Illas Cíes en tempada baixa e atraer o turismo entre outubro e xuño -exceptuando Semana Santa-. En rolda de prensa, o rexedor detallou o núcleo das accións previstas para o que o Concello porá a disposición dos visitantes un barco xa que nestes meses non hai servizo de transporte marítimo. O programa incluirá andainas sonoras -dirixidas por monitores especializados- que permitirá descubrir os acompañamentos rítmicos e melódicos dos sons naturais; arte efímero: observación da natureza en diversos puntos do litoral; observación de aves: identificación de especies e hábitos, ademais de flora e fauna; observación de temporais e localización de pecios: explicación dos restos dos temporais de inverno nas Cíes; observación de restos de mareas: explicación do papel das dinámicas do mar, coñecemento dos fondos mariños e as costas;e, por último, iniciativas de observación astronómica e meteorolóxica, con xornadas de pintura, debuxo e fotografía.
Esta acción, explicou o rexedor, prosegue coa promoción das Illas Cíes que se realizou en Fitur e que xa está a dar bos resultados. Concretamente, o rexedor aludiu a unha carta que recibiu do responsable do cámping e do resturante do Parque agradecendo esta promoción «que xa se convertiu nun adianto nas datas de reservas, cun número moi superior aos de anos anteriores». Neste punto, o rexedor referiuse tamén á publicación británica «The Sunday Times» que inclúe a Rodas como unha das cinco mellores arenais de España, un nomeamento que se suma ao que fixera no 2007 outro diario británico, neste caso, «The Guardian», que cualificaba esta praia como a mellor do mundo. Caballero rematou lembrando que a partir do mes de xuño comezará de xeito oficial a promoción das Illas Cíes como candidata ser declarada pola Unesco patrimonio medioambiental da Humanidade.