A Xunta de Galicia financiará con 660.000 euros cinco proxectos de persoal investigador da Universidade de Vigo con traxectoria excelente, dos que catro están liderados por mulleres: Elena Ojea, do Centro de Investigación Mariña, CIM; Sandra Rivas e Laura María Salonen, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, e Xanel Vecino, do Centro de Investigación en Tecnoloxías e Procesos Industriais, CINTECX, o que pon de relevo o liderado e a importancia do papel desempeñado polas investigadoras dos diferentes centros nas propostas presentadas a unha convocatoria coa que o goberno galego busca impulsar a excelencia e dar estabilidade ao persoal científico que exerce en Galicia. A elas súmase o investigador Ramón Novoa, do CINBIO, considerado tamén investigador emerxente.
Elena Ojea recibirá 200.000 euros como beneficiaria dunha axuda dirixida a reforzar unha traxectoria investigadora xa consolidada e as demais persoas beneficiarias, persoal investigador emerxente con traxectorias de excelencia, contarán con cadansúa axuda de 115.000 euros.
Elena Ojea, do CIM
No caso de Elena Ojea, quen o mércores recibiu o Premio Fundación Banco Sabadell á Sostibilidade Mariña polo seu traballo na adaptación e transformación dos sistemas socio-ecolóxicos mariños, a axuda vai dirixida á posta en marcha do proxecto Adaptación e transformación da pesca artesanal ante o cambio climático. “Grazas o proxecto ERC CLOCK, agora sabemos que baixo escenarios futuros de cambio climático as medidas de adaptación actuais resultarán insuficientes e será necesario un cambio transformador nos medios de vida dependentes dos recursos mariños polo que o obxectivo deste novo proxecto vai dirixido a entender os determinantes das respostas de adaptación ou transformación dos pescadores e mariscadoras”, explica Ojea, quen subliña que para isto seguirán traballando en tres lugares: pesca artesanal en Galicia, en Nayarit (México) e en Shikoku (Xapón).
“Temos evidencias sobre como favorecer a adaptación e a transformación e queremos afondar en principios comúns a diferentes casos de estudo, para poder xeneralizar a diferentes sistemas máis aló da pesca artesanal”, explica Ojea, líder do grupo Future Oceans Lab do CIM-UVigo. “Con esta axuda podemos seguir traballando nas tres comunidades pesqueiras e crear unha relación de confianza, xa que podemos volver a contar resultados e a escoitar necesidades”.
Sandra Rivas, Laura Salonen e Ramón Novoa, do CINBIO
Sandra Rivas, Laura María Salonen e Ramón Novoa forman parte do cadro de persoal do CINBIO. Sandra Rivas é investigadora principal e membro do Grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible, porá en marcha o proxecto Biorrefinerias multiproduto: desenvolvemento de estratexias de proceso para o aproveitamento e valorización de biomasa lignocelulósica (BioMultiPro). “´É un traballo dirixido ao desenvolvemento de procesos de biorrefinería que permiten a separación selectiva e a valorización individualizada dos constituíntes da biomasa forestal (eucalipto e toxo), nun abano de produtos de calidade contrastada a través de tecnoloxías respectuosas cos principios de desenvolvemento sostible en nun contexto de bioeconomía circular. “Este proxecto de reforzo de traxectorias emerxentes proporcióname a posibilidade de impulsar e afianzar a liña de investigación que desenvolvo, así como establecer novas redes de colaboración”, recalca a investigadora.
Finlandesa de nacemento, Laura Salonem incorpouse á Universidade de Vigo en maio de 2022. Con esta axuda porá en marcha o proxecto Chiral covalent organic frameworks from propeller-shaped monomers (Chiramel), dirixido ao desenvolvemento de redes orgánicas covalentes quirais. “O obxectivo é que poidamos obter unha proba de concepto de uso a estes materiais para catálese que nos axude a obter financiamento de outros programas nacionais ou europeos”, explica a investigadora, satisfeita porque este financiamento lle permitirá tamén contratar un estudante de doutoramento durante un ano.
Ramón Novoa, o único investigador da UVigo beneficiario dunha destas axudas, forma parte do grupo de Química Orgánica 1. Con esta axuda porá en marcha o proxecto Miméticos precisos de proteoglicanos a partir de bloques naturais para rexeración de cartílago, dirixido a desenvolver unha terapia para o tratamento de lesións causadas por osteoartritis, unha enfermidade que causa dores e incapacidade a millóns de persoas no mundo e que actualmente non ten cura. “O noso proxecto segue a estratexia coñecida como enxeñaría de tecidos. Crearemos un ambiente adecuado para que as células nai autólogas, xeradas in situ mediante procedemento estándar en hospitais, se transformen en novo tecido de cartílago”, explica o investigador, quen engade que se trata dun proxecto multidisciplinar polo que se incluíron no equipo biólogos do instituto de investigacións sanitarias das illas Baleares, do grupo de Manuel Gómez Florit. “Este apoio da Xunta supón para min a posibilidade de complementar de maneira moi adecuada o meu contrato Ramón y Cajal e así poder continuar en Galicia a liña de investigación que empecei nos meus anos como investigador fóra de España, concretamente en Alemaña e Portugal”.
Xanel Vecino, do CINTECX
Desde o ámbito tecnolóxico Xanel Vecino, membro do grupo de investigación de Enxeñaría Química 10 (EQ 10), porá en marcha o proxecto Aplicación da tecnoloxía de membranas para a obtención de biosurfactantes dos licores de lavado de millo en planta piloto (ATEMBIO), un traballo co que pretende aplicar a tecnoloxía de membranas, como tecnoloxía “alternativa innovadora, simple, rápida e respectuosa co medio ambiente”, para recuperar os biosurfactantes presentes nos licores de lavado de millo. “Unha vez recuperados caracterizaranse e avaliaranse para poder aplicalos nos diferentes sectores industriais”, explica a investigadora, quen conta xa con experiencia na obtención destes biocompostos a través dun proxecto previo do programa estatal Retos e Investigación, na modalidade de proxectos liderados por investigadoras novas.
“Para min conseguir esta axuda supón un importante pulo na miña liña de investigación, xa que me vai permitir avanzar nos procesos de diálises co fin de extraer os biosurfactantes presentes nos licores de lavado de millo a escala piloto (TRL 4-6) tendo en conta a sustentabilidade social, ambiental e económica”, recalca Vecino.