O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo confirmou este mércores en Vigo que as obras da nova Cidade da Xustiza atópanse en avanzado estado de execución, co 75% delas finalizadas e co obxectivo de que os traballos conclúan no primeiro trimestre de 2021. Así, ao longo do vindeiro ano levarase a cabo o traslado de todas as infraestruturas xudiciais a esta nova sede.
Feijóo visitou a reforma do antigo hospital Xeral e aproveitou para salientar que esta é “a obra xudicial máis importante da historia da Comunidade nestes 40 anos de Estatuto de Autonomía”. Ao longo da súa intervención, aseverou que a rehabilitación do antigo hospital Xeral para acoller a futura Cidade da Xustiza é “un deses proxectos que transcende” e que deixan pegada nunha cidade.
O presidente galego lembrou que esta infraestrutura, que conta cun investimento de máis de 40 millóns de euros e 44.000 metros cadrados, acollerá 37 unidades xudiciais -con espazo para outras 20 en caso de futuras ampliacións– e a medio milleiro de profesionais da administración xudicial que contarán ademais cunha gardería con 40 prazas. “En definitiva, duplicamos a superficie dos xulgados existentes en Vigo, pasando duns 20.000 m2 a 44.000 m2”, abundou.
Ademais da Cidade da Xustiza, a Xunta executa en Vigo catro obras de forma simultánea: a estación de autobuses de Urzaiz, as melloras no hospital Meixoeiro, o centro de saúde de Bouzas e o albergue de peregrinos de O Berbés. “E, unha vez que teñamos os informes definitivos e o solo axeitado poderemos iniciar tamén o compromiso da ampliación do Ifevi”, engadiu.
Aínda que non foi convidado a esta visita institucional, Abel Caballero aproveitou o acto para propoñer á Xunta de Galicia un convenio que permita remodelar toda a contorna do edificio para que as rúas próximas estean “á altura” do edificio. Este acordo pasaría por pagar esas humanizacións a partes iguais.