As obras do centro de saúde de Bouzas alcanzarán o 20% da súa execución este mes, segundo informou este luns a Xunta de Galicia, que mantén a previsión de abrir esta nova dotación sanitaria do barrio vigués a comezos de 2021.
Malia a situación de estado de alarma, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, subliñou que a día de hoxe xa están executadas as demolicións do edificio existente e dos valados. Do mesmo xeito, está feita a escavación da parcela. En canto ás cimentacións, executáronse xa os micropilotes que soportarán a carga da estrutura do edificio.
Ao longo de maio rematarase a lousa de cimentación e comezarase cos pechamentos do muro perimetral. Tamén se finalizarán os muros de formigón que soportarán o teito da planta baixa e se iniciará a montaxe do encofrado do primeiro forxado.
Vázquez asegurou este luns que estas actuacións, reiniciadas a mediados do mes de abril co levantamento das restricións, se están a realizar coas necesarias medidas para evitar contaxios entre os profesionais da construción.
En canto á evolución das obras, nas que se invisten 1,4 millóns, a conselleira precisou que se están a realizar procurando a máxima integración na contorna e minimizando as molestias aos veciños mediante o emprego de maquinaria menos potente para reducir os ruídos ou a xeración de po.
O novo centro de saúde, nas inmediacións da Alameda, contará cunha superficie construída de preto de 900 metros cadrados, en dous volumes construtivos, comunicados mediante unha galería. A edificación, deseñada para dar cobertura a 10.000 usuarios, albergará as consultas de medicina xeral e de enfermería, así como sala polivalente, entre outros equipamentos.