Este acordo, de 21,4 millóns de euros de orzamento, permitirá axilizar o desenvolvemento de todo o complexo, no que o Centro Vialia, en obras desde marzo, xa está no 35% da súa execución. Segundo informou este venres o alcalde, Abel Caballero, estes traballos rematarán en maio de 2021.
A definición dos proxectos construtivos e incorporación de melloras elevan en case 7 millóns o importe inicial e inclúen o ramal de conexión da estación de autobuses coa AP-9, o túnel de saída da rúa Lepanto á autoestrada, a conexión da AP-9 co Centro Vialia e a demolición do viaduto da rúa Lepanto, no que algúns vehículos quedan atrapados cando pasan pola rúa Alfonso XIII.
A reforma da Praza da Estación para garantir a axeitada comunicación peonil e rodada incorporará a recuperación da fachada da antiga estación de ferrocarril e suporá un custo de 1,7 millóns. Igualmente, tamén se humanizará á Baixada á Estación.
Estas obras serán financiadas por ADIF (14,5 millóns), Xunta (3,4 millóns) e Concello de Vigo (3,4 millóns) e veranse completadas co ascensor de García Barbón. Desde o Concello estase a traballar nunha planificación que permita a menor afección de tráfico posible.