Ante a grande acollida que tiveron esta semana as rutas do programa ‘Bosques Terapéuticos’, que completou a inscrición de todos os percorridos para o mes de xuño en dous días e suman centos de persoas nas listas de agarda, a Deputación de Pontevedra vén de dobrar o número de prazas (de 15 a 30) para asistir a estes baños de bosque.
Deste xeito, en lugar das 570 previstas inicialmente para os 38 itinerarios entre o 4 de xuño e o 25 de setembro, haberá un total de 1.1.40. No caso das oito rutas previstas para o mes de xuño, este incremento do aforo cubrirase xa coas persoas que están nas listas de agarda. A partir do 20 de xuño, en que se abrirá o prazo para os itinerarios de xullo, xa se ofertarán as novas 30 prazas por ruta.
Esta é a terceira edición deste programa provincial que conxuga a experiencia persoal co medio natural da contorna coa interpretación do patrimonio, en rutas que buscan dar a coñecer os espazos naturais da provincia e, de xeito especial a posta en valor dos beneficios dos ‘baños de bosque’.
Este ano son sete os espazos naturais que se percorrerán, dous que son novidade as illas de Tambo (Poio) e Arousa, así como a Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro), que se suman ao Río Eifonso no espazo de Bembrive (Vigo), a Senda de Almofrei (Cerdedo-Cotobade), os Salóns do Lérez (Pontevedra) e a Ruta da Pedra e da Auga (Meis). En todas elas fomentarase o uso dos sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación.
Durante os meses de xuño, xullo e setembro as rutas desenvolveranse os sábados e domingos, mentres que no mes de agosto tamén terán lugar os venres. Están previstos 8 percorridos no vindeiro mes, 10 en xullo, 12 en agosto e 8 en setembro e, ao igual que o pasado ano, as inscricións para as rutas ábrense de mes en mes.
No caso das de xullo, o prazo comezará o 20 de xuño, mentres que para as de agosto abrirá o 26 de xullo e para as de setembro, o 22 de agosto. En todos os casos, o prazo rematará dous días antes da ruta. As visitas están destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e terán unha duración de entre hora e media e 2 horas. Comezarán ás 10 polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa natureza.
Os ‘Bosques Terapéuticos’ arrancarán o 4 de xuño coa Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e continuarán ao día seguinte polos Salóns do Lérez (Pontevedra). Posteriormente, o día 11 celebrarase a ruta polo Espazo natural de Bembrive (Vigo) e o día 12 o da Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). A primeira ruta pola Illa de Tambo (Poio) terá lugar o día 18, mentres que na Illa de Arousa celebraranse dous itinerarios, os días 19 e 25. Por último, a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) será escenario da ruta do día 26.
No que se refire aos restantes meses, a ruta polos Salóns do Lérez terá lugar o 3 de xullo; o 6 e 26 de agosto e o 3 de setembro, mentres que a da Illa de Tambo repetirase os días 10 e 14 de xullo, 14 e 27 de agosto e 17 de setembro. O Espazo natural de Bembrive será visitado o 9 de xullo, os días 12 e 21 de agosto e 11 e 25 de setembro, e a Illa de Arousa, o 23 de xullo, o 13 de agosto e o 18 de setembro.
Por outra banda, para a Ruta da Pedra e da Auga poderá elixirse entre o 2 de xullo, o 5 e o 28 de agosto e o 4 de setembro, mentres que a da Ponte Colgante do Lérez celebrarase os días 17 e 30 de xullo, 19 de agosto e 24 de setembro. Por último, a da Senda do Almofrei terá lugar os días 16 e 31 de xullo, 7 e 20 de agosto e 10 de setembro.