Inaugúrase o Hospital Elduayen, situado na finca do Carme nas Travesas. A idea deste centro benéfico nacera ao comunicar o Concelllo vigués a don José Elduayen o acordo de erixirlle unha estatua, respondendo o benemérito home público co seu desexo de que os cartos da subscrición fosen destinados á instalación dun nosocomio, do que tan necesitaba estaba a cidade. Por fortuna, ambos os dous desexos, o do pobo e o do seu deputado, puideron compaxinarse. O señor Elduayen comprometeuse a sufragar os gastos da instalación de vinte e cinco camas e outros de acondicionamento, reparacións etc. O Concello, pola súa banda, dispuxo destinar a este fin quince mil pesetas que achegara á subscrición para a estatua e que resultaran innecesarias.
O señor Elduayen fixo a súa primeira achega en maio de 1895, enviando don Antonio López de Neira 8.137,50 pesetas para a adquisición de camas; en outubro enviou 7.1110 para as obras de reparación; o mesmo mes, sufragou o importe de diversos utensilios, por valor de 4.610 pesetas. A súa filla, a excelentísima marquesa de Mochales, agasallou a imaxe da Virxe das Dores, para a capela, á que tamén doou diversos ornatos bordados por ella mesma. Sirvan estes detalles para constatar o emotivo vencello daquela ilustre familia coa cidade de Vigo e lembrar unha vez máis motivo de gratitude, que o pobo vai esquecendo.
A inauguración do que entón se chamou Hospitalillo revestiu unha gran solemnidade. Dende o Concello partiron ás dez da mañá as autoridades e representacións oficiais nunha vintena de coches. O bispo de Tui, don Valeriano Menéndez Conde tomou o coche do Concello no Paseo de Alfonso. Era entón alcalde de Vigo, Marcelino Astray Caneda e gobernador da provincia don Augusto González besada.
“Consta a planta alta deste edificio de tres salas nas cales hai instaladas vinte camas de ferro, con colchóns metálicos, mantas e sabas de superior calidade. Hai un excelente servizo de louza, xogo de cubertos de metal e abundantes roupas, todo coas iniciais H.E. (Hospital Elduayen).
“No piso alto está o cuarto de operacións e sala de xuntas e no baixo unha espazosa cociña, os cuartos das Irmás da Caridade, o botiquín e o teléfono. Pode afirmarse que a instalación se fixo con verdadeiro luxo.”
“Rexido polas virtuosas fillas de San vicente de Paúl, amparado polo Concello vigués e protexido sen dúbida, agora, despois e sempre, pola inesgotable munificencia deste pobo, non é aventurado aseverar que este Hospital, debido á xenerosidade do noso biógrafiado e da súa filla, a aristocrática cuxo nome vai unido ao do marqués de Mochales, continuará a súa próspera vida con recursos abondos para enxugar as bágoas do desamparado, aliviando as doenzas do pobre enfermo, non xa as do corpo, senón aquelas da alma que só atopan consolo na relixión cristiá e nas inefables dozuras dos tenros sentimentos da virtude, do amor e da caridade. Por iso data do 23 de xaneiro de 1896 é e será memoria perdurable para Vigo. De ningún xeito máis elocuente e digno que deste, podería solemnizarse nesta cidade a festa onomástica do adolescente monarca Alfonso XIII (N. Taboada Fernández, Estudio biográfico- político del Excmo. Sr. don José Elduayen).
O pobo sumouse á efeméride, concorrendo á festa campestre que tivo lugar no fermoso parque do Carme. O Hospital Elduayen deixou de funcionar ao seren inaugurados os Pavillóns Sanitarios, o 4 de decembro de 1922. O seu primeiro director fora médico de grata memoria don Enrique Lanzós.
23 de xaneiro de 1896. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).