Na madrugada do 5 ao 6 desencadéase sobre Vigo un furioso temporal, mais violento aínda que o sufrido no inverno de 1888. Naquela ocasión, o ciclón arrincou de raíz unha galería na rúa dos Sombrereiros e fixo voar, como leve pluma, unha máquina de coser.
Este novo ciclón comezou cun tremor de terra, acompañado dun intenso ruido que fixo tremer as casas da vila. Ergueuse despois un vento de furacán, ao tempo que caía a choiva a cachón e o mar ruxía dun xeito impresionante. As ondas, saltando o peirao, ían estrelarse contra as vagonetas do ferrocarril do porto; estragaron o muro de enlace e arrincaron de raíz varios metros de vía.
Ao pé da estatua de Elduayen apareceron dúas enormes vigas, que o furacán arrebatou da casa de baños. Numerosas chemineas derrubáronse e polo ceo da cidade voaban tellas e madeiras, como se fosen de papel. Todos os farois de gas do alumeado público apagáronse, converténdose a vila nun lóbrego escenario dantesco. Algunhas embarcacións menores foron estragadas e outras romperon as súas amarras, sendo rescatadas con dificultade ao día seguinte.
Cara ás seis da tarde deste día comezou a amainar o temporal, cuxo ímpeto máximo tivo lugar durante a noite e a madrugada anterior. En Vilagarcía e a súa ría foron desastrosos os efectos do ciclón.
6 de decembro de 1895. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)