A andadura do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, comeza no ano 2010 no seo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da cidade olívica. Desde entón posicionouse como un dos grandes centros de referencia en tecnoloxías de telecomunicación no ámbito nacional e internacional, focalizando a súa actividade de I+D+i en áreas como as comunicacións, os servizos dixitais ou a ciberseguridade, e dando resposta aos grandes retos do tecido socioeconómico.
Excelencia investigadora
A excelencia científica do seu persoal investigador non só levou a UVigo a posicionarse entre as mellores universidades do mundo e a única galega no eido tecnolóxico no prestixioso Ránking de Shanghai, senón que lle permitiu afianzar o seu papel como centro líder na dita institución na captación de fondos asociados á I+D+i. Proba disto son os 11,7 M€ captados en 2022 a través de convocatorias competitivas, destacando os 10 proxectos en convocatorias europeas, dos cales lidera catro. Ademais, atlanTTic sumou este último ano oito proxectos na Convocatoria de proxectos estratéxicos orientados á transición ecolóxica e á transición Dixital do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2021-2023, cun orzamento de máis de 1,5 M€ e unha taxa de éxito do 80%.
A mellora da calidade de vida no medio rural, a avaliación automática cognitiva e psicolóxica, os avances na privacidade dos datos e a seguridade das comunicacións, o desenvolvemento das competencias en linguas estranxeiras ou o avance da predición meteorolóxica, son algúns dos obxectivos destes proxectos, apoiando o seu desenvolvemento en tecnoloxías facilitadoras como a intelixencia artificial, o machine learning, a Internet das cousas (IoT), o blockchain, o procesamento de linguaxe natural, o procesamento de sinal, a aprendizaxe federada ou a criptografía cuántica, entre outras.
Impulso á innovación
O centro atlanTTic non só é un referente tecnolóxico polo gran valor do coñecemento xerado, senón que a súa excelencia científica se complementa coa capacidade de realizar unha transferencia efectiva ao mercado e á sociedade, desenvolvendo solucións para afrontar os seus grandes retos da man de axentes e empresas de todos os sectores.
A aposta de atlanTTic por actuar como axente tractor na creación, posta en valor e consolidación dun polo interdisciplinar de referencia no campo das tecnoloxías de telecomunicación e os servizos dixitais, tradúcese nunha serie de iniciativas de gran valor engadido para a sociedade e para o ecosistema de Galicia. No último ano destaca a creación do laboratorio de cuántica Vigo Quantum Communication Center (VQCC) ou a promoción do centro de produción de semiconductores fotónicos de Vigo, SPARC, que converterán Galicia nun referente internacional nestas tecnoloxías.
Este polo viuse reforzado nos últimos anos grazas tamén á súa estreita colaboración con axentes destacados do sector. É o caso de Gradiant, coa recente sinatura dun acordo que permitirá incrementar a colaboración, tanto en investigación como en transferencia, en tecnoloxías avanzadas 5G, poñendo en valor, entre outros, o 5G & 6G Communication Networks Laboratory de atlanTTic, dotado de infraestruturas de alto nivel e que ofrece servizos de investigación, tendo colaborado con empresas como Telefónica, Cisco, ZTE, Optare Solutions, Alisys ou Stellantis.