Coa chegada da primavera regresa tamén unha nova edición do programa de actividades no medio acuático, Augaventura. Esta proposta da Área de Benestar, Saúde e Deporte está aberta tanto á comunidade universitaria como persoas vinculas á institución con prezos que varían segundo o colectivo.
As modalidades deportivas que se ofrecen non sofren cambios respecto de edicións anteriores e comprenden sete modalidades: flyboard; descenso de rápidos; unha ruta á illa de San Simón que combina caiac, andaina e snorkel; surf; wakeboard; windsurf e mergullo. As sesións desenvolveranse en diferentes puntos da xeografía da provincia de Pontevedra entre os meses de abril e comezos de maio.
Descenso de rápidos
A primeira das citas de Augaventura primavera será o 14 de abril co descenso de rápidos, unha actividade que se desenvolverá no río Miño ao seu paso por Arbo. O prazo de inscrición está aberto ata o 9 abril e as persoas interesadas en participar deberán saber nadar e levar traxe de baño, a toalla e calzado, mentres que o resto do equipamento será entregado pola empresa organizadora, Arrepións. Os prezos da inscrición varían segundo os colectivos: 15 euros para membros da comunidade universitaria, familiares, egresados ou persoas xubiladas; 22,5 euros para outras persoas vencelladas á UVigo e 30 euros para persoas alleas que acompañen a un membro da comunidade, estando o transporte incluído no prezo.
Flyboard
Ao día seguinte, 15 de abril, a cita será co flyboard, unha modalidade na que se emprega unha táboa suxeita aos pés cunhas botas que propulsan un chorro de auga controlado que permite elevarse sobre o mar. A actividade desenvolverase no peirao de Bouzas en colaboración coa empresa Tierra y Mar e o prezo varía entre os 20 euros para membros da comunidade universitaria, familiares, egresados ou persoas xubiladas; os 30 euros para outras persoas vencelladas e 40 euros para as persoas alleas á institución que participen como acompañantes. Para participar cómpre inscribirse antes do 9 de abril e como requisitos é necesario saber nadar e levar traxe de baño, toalla e chancletas.
Bautismo de surf
Outra das actividades deste programa é o bautismo de surf, que se organiza en colaboración con Prado Surf Escola na praia de Patos. Neste caso ofrécense tres datas diferentes: 16, 23 e 30 de abril, sendo as datas límite de inscrición os días 9, 16 e 23 do mesmo mes, respectivamente. As e os participantes só deberán levar traxe de baño, chanclas e toalla, xa que o equipamento deportivo corre a cargo da empresa. Os prezos varían entre os 6 euros, os 9 euros e os 12 euros segundo o colectivo.
Windsurf
Para as persoas que prefiran unha táboa con vea, o 18 de abril terá lugar unha sesión de iniciación ao windsurf en Bouzas e en colaboración con Tierra y Mar, que achegará todo o equipo salvo o traxe de baño, calzado e útiles de ducha. Os prazos da matrícula van entre os 10 euros , os 15 euros e os 20 euros e a data límite de inscrición será o 9 de abril. O único requiso é saber nadar.
Ruta pola illa de San Simón
Como vén sendo habitual nos últimos anos, nesta edición tamén se oferta a ruta pola illa de San Simón, que combina diferentes modalidades deportivas como kaiak, andaina e snorkel. A actividade, que ser realizará o 22 de abril, consiste nunha travesía en caiac pola enseada de San Simón, na que se realizarán diferentes paradas de interese como a estatua de Xulio Verne. Unha vez na illa visitaranse as dependencias nun percorrido guiado por este ben de interese cultural para, finalmente, volver ao mar e realizar unha pequena parada nos illotes de San Bartolomé e San Norberto para coñecer a lenda dos naufraxios de Rande. Se as condicións o permiten, neste punto poderase practicar snorkel.
Para participar nesta propostas é obrigatorio saber nadar e contar cunha condición física que permita meterse na auga, padexar, cargar coa embarcación e camiñar unha distancia aproximada duns 4 kilómetros. As persoas participantes deberán levar chanclas, bañador e toalla, mentres que o resto do material (licra, neopreno, chaleco salvavidas, gafas e aletas) corre a cargo da empresa organizadora, Marexada. O prazo de matrícula estará aberto ata o 16 de abril e os prezos varían entre 20 euros, 30 euros e 40 euros.
Mergullo
Para as persoas que elixan a práctica do mergullo, Augaventura ofrece dúas datas alternativas: 29 de abril e 6 de maio. A actividade será nas illas Cíes, con saída dende o peirao de Bouzas en colaboración coa empresa Buceo Islas Cíes. Os prezos van dos 45 euros para comunidade univesitaria, familiares e persoas egresadas, ata 67,5 euros para outros colectivos vinculados e 90 euros para as e os acompañantes.
Wakeboard
Xa para pechar a programación de Augaventura, o 7 de maio terá lugar unha sesión de wakeboard ou esquí acuático, en colaboración con Tierra y Mar no peirao de Bouzas. Os prezos son de 10 euros para a comunidade universitaria, familiares e alumni; 15 euros para outros colectivos vencellados á UVigo e 20 para o resto da cidadanía que participe como acompañante. Para esa actividade é necesario saber nadar e cómpre levar bañador, chanclas, toalla e útiles de ducha, o resto do equipo facilitarao Tierra y Mar. A organización tamén lembra que esta actividade está totalmente desaconsellada para mulleres embarazadas, persoas con patoloxías graves de costas ou pescozo e luxacións de ombreiros ou xeonllos ou otite.