O edificio foi adquirido en setembro de 2017 e o proxecto de rehabilitación que poñerá en marcha o Casco Vello permitirá crear dúas novas vivendas de dous dormitorios -tipo dúplex- e entrada independente desde cada unha das rúas ás que ten fachada o edificio, a citada desde O Berbés e outra pola rúa San Francisco. A superficie construída total será de 213,82 metros cadrados. Coa fin de facilitar a iluminación natural das vivendas está prevista a inclusión dun pequeno patio interior.
Tras o baleirado interior da edificación existente prosegue o proceso habitual para a rehabilitación de vivendas nesta zona do Casco Vello. Así, tras o pertinente estudo arqueolóxico, está previsto iniciar a construción efectiva destas dúas novas vivendas ao longo deste mesmo ano, segundo recóllese no plan de actuacións do Consorcio para 2018.
Esta intervención súmase ás dúas que o organismo, integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, ten xa en marcha en Ferrería 8 e Cruz Verde 8, cada un dos cales permitirá a creación dunha nova vivenda unifamiliar na zona alta do Casco Vello.