O Bloque Nacionalista Galego de Vigo acusa ao goberno de Abel Caballero de ocultar o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para impoñelo sen apoio veciñal. A fronte nacionalista denuncia a opacidade coa que o Goberno municipal está tramitando o plan urbanístico, escondendo o calendario de actuacións e ignorando as numerosas alegacións veciñais após 11 meses de finalizar o período de exposición pública.
“O Goberno municipal non se volveu reunir con ninguén, con ningún dos moitos colectivos que formularon alegacións a este proxecto de PXOM que foi elaborado en exclusiva polo PSOE”, lamentou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Non só oculta o calendario de tramitación, tamén cal vai ser a data na que se vai someter a Pleno a súa aprobación inicial”, engadiu.
Igrexas reprochou que o alcalde insista en impoñer un Plan Xeral, co que quere definir o modelo de cidade para os próximos 25 anos, sen diálogo social. “Caballero coloca o PXOM na mesma escuridade dos despachos na que decidiu elaboralo sen participación e negándose a escoitar á veciñanza de Vigo”, criticou.
O candidato do BNG asegurou que a xestión do Goberno local evidencia que “non quere mover nin un soa coma nin atender ningunhas das numerosas alegacións veciñais”. Nese sentido, afeou que a concelleira de Urbanismo, María Jose Caride, aínda non respondera á interpelación do Bloque para explicar cal vai ser o calendario de tramitación, tal como se comprometera hai unha semana na Xerencia Municipal de Urbanismo.
Desde a fronte nacionalista advertiron de que non van consentir unha aprobación con “nocturnidade e aleivosía”, como ocorreu no inicio do proceso o pasado agosto. “Por que Abel Caballero esconde o novo PXOM? Para aprobalo en plenas festas de nadal tentando desactivar a resposta social?”, cuestionou Igrexas.
Por contra, o concelleiro do BNG insistiu en que a “única garantía” para que Vigo conte cun PXOM que responda ás necesidades veciñais e dotado con seguridade xurídica “pasa pola transparencia e o diálogo”, permitindo planificar e deseñar o futuro da cidade “entre todas e todos os vigueses”.