Os concelleiros do BNG e de Marea de Vigo manifestaron este xoves publicamente a súa preocupación pola talla de árbores na Gran Vía e reclamaron ao Concello unha política de protección medioambiental que deteña o que consideran como «arboricidio permanente».
Por un lado, o Bloque Nacionalista Galego de Vigo propón unha nova ordenanza municipal que poña freo ao «arboricidio permanente» e avanzou que trasladará esta medida na vindeira comisión de ambiente, prevista para a próxima semana, co obxectivo de protexer o arboredo urbano das continuas tallas inxustificadas por parte do Concello.
«A recente talla de árbores na Gran Vía, coa escusa da segunda fase das ramplas, é apenas un episodio máis no arboricidio permanente que o Goberno municipal leva perpetrando na cidade desde hai demasiado tempo», valorou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou como nos últimos meses producíronse tallas de árbores no monte do Castro, nas rúas Vía Norte, Aragón ou Gregorio Espino, entre outros puntos.
«As obras de humanización son simplemente utilizadas como coartada para retirar sen xustificación o arboredo da nosa cidade», salientou Igrexas, que cualificou estas prácticas do Goberno local de «política suicida» en termos ambientais. «As árbores non son cousas nin elementos ornamentais, son unha peza esencial no ecosistema urbano», engadiu.
Pola súa banda, Marea de Vigo insistiu na necesidade de elaborar un Plan Director do Arboredo que garanta a preservación do patrimonio arbóreo e a biodiversidade, así como a saúde integral das árbores. «Hai que ter en conta as especificidades e necesidades de cada especie en canto a calidade e espazo do solo, podas e demáis coidados para o seu óptimo ciclo de desenvolvemento», sinalou Oriana Méndez.
Ademais, destaca que hai un ano, Marea de Vigo levou ao Pleno unha moción «para, precisamente, evitar o que estamos vendo novamente hoxe na Gran Vía: a talla masiva de árbores por recomendación dun informe técnico únicamente impulsado pola execución das obras para poñer as rampas no bulevar».