O Bloque Nacionalista Galego vén de advertir ao goberno municipal de Vigo de que a instalación do mercado de Nadal, Cíes Market, non pode volver «vandalizar» os xardíns históricos da Alameda nin vulnerar os dereitos da veciñanza.
Así o vén de manifestar o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de que este martes se coñecese a través da información adiantada poi VIGOÉ a decisión do goberno municipal de manter o mercado de Nadal na Alameda e a previsión da súa apertura ao público o vindeiro 18 de novembro.
«Resulta moi sorprendente este anuncio, cando o goberno municipal de Abel Caballero, inda non nos facilitou ao grupo municipal do BNG o acceso aos expedientes que solicitamos o pasado 13 de setembro, que onte volvemos reiterar formalmente, en relación á prórroga da concesión do Cíes Market para a súa xestión por unha empresa privada madrileña a cambio de un só euro como compensación municipal», criticou Igrexas.
Desde a fronte nacionalista insisten na súa posición «clara e ben coñecida»: «Nadal si, por suposto que si, pero non así». Neste sentido, Igrexas volveu demandar que o deseño do Nadal ten que asegurar a convivencia, respeitar os dereitos da veciñanza, así como garantir o cumprimento da da normativa no que ten a ver coa seguridade, o ruído e tamén a protección patrimonial e do medio ambiente. Algo especialmente importante nun ámbito tan singular e catalogado como son os xardíns históricos da Alameda que «non poden volver ser vandalizados» para ser convertidos nunha feira privada.
«Desde logo, para o BNG o capricho de Caballero de reducir a cidade durante meses a un inseguro e inhabitábel parque temático non pode estar por riba da legalidade nin dos dereitos das viguesas e dos vigueses», enfatizou o portavoz municipal nacionalista.
Complicidade da Xunta
No BNG denuncian tamén a «complicidade por inacción da Xunta de Galiza do Partido Popular» que, segundo apuntan, «acabou por se converter no cooperador necesario» dun modelo de Nadal insustentábel e que nos últimos anos provocou importantes prexuízos á veciñanza, non só do centro, senón de toda a cidade.
A este respeito, Igrexas cualificou de «inexplicábel» que a día de hoxe a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta inda non teña respondido » absolutamente nada» ao escrito que o BNG dirixiu o 1 de decembro do pasado ano pedindo que se informase de se o Cíes Market conta ou non coa preceptiva autorización, dado que se desenvolve nun ámbito catalogado e de especial protección como a Alameda.
Diante dese silencio o Bloque volveu reiterar no día de onte a solicitude «porque queremos que a Xunta do PP de Marta Tapias deixe de ollar para outro lado e diga claramente se o Cíes Market pode realizarse ou non na Alameda e en que condicións», explicou.