Volven, por terceiro ano consecutivo, os “baños de bosque” por espazos naturais da provincia, o programa que ofrece a Deputación de Pontevedra como experiencia terapéutica, de lecer e cultural para os meses de verán. Deste xeito, os Bosques Terapéuticos propoñen desde o vindeiro 4 de xuño e ata o 25 de setembro un total de 38 rutas por sete paraxes singulares, entre os que figuran como novidade as illas de Tambo e Arousa, así como a ruta pola contorna do Ponte Colgante do Lérez, que se suman aos itinerarios polos Salóns do Lérez, o espazo natural de Bembrive, a Senda do Almofrei e a Ruta da Pedra e da Auga. A partir deste luns, 23 de maio, as persoas que desexen participar nesta actividade poderán inscribirse nas primeiras 8 rutas do mes de xuño, cun formulario que atoparán na web provincial www.depo.gal. En total, neste 2022 haberá 570 prazas.
Os Bosques Terapéuticos constitúen unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna, conxugada coa interpretación do patrimonio. Todo nunha ruta guiada que busca dar a coñecer os espazos naturais da provincia e, de xeito especial a posta en valor dos beneficios dos “baños de bosque”, que permiten conectar coa natureza empregando todos os sentidos, amais de ser unha terapia que cada vez máis estudos definen como beneficiosa para a saúde e para a prevención dalgunhas enfermidades.
As rutas terán 15 prazas cada unha, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza para o desenvolvemento desta actividade. Das 38 rutas previstas, 8 celebraranse en xuño os sábados e domingos, outras 10 en xullo, tamén o fin de semana, mentres que en agosto haberá un total de 12 os venres, sábados e domingos. Doutra banda, no mes de setembro haberá 8 itinerarios. Ao igual que o pasado ano, as inscricións para as rutas abriranse de mes en mes e, deste xeito, para os baños de bosque de xuño as inscricións comezarán xa mañá luns, 23 de maio, e o prazo estará aberto ata dous días antes da celebración do evento. No caso das de xullo, o prazo comezará o 20 de xuño, para as de agosto arrancará o 26 de xullo e para as de setembro, o 22 de agosto. En todos os casos, o prazo rematará dous días antes da ruta.
Calendario
Os Bosques Terapéuticos arrancarán o 4 de xuño coa Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e continuarán ao día seguinte polos Salóns do Lérez (Pontevedra). Posteriormente, o día 11 celebrarase a ruta polo Espazo natural de Bembrive (Vigo) e o día 12 o da Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). A primeira ruta pola Illa de Tambo (Poio) terá lugar o día 18, mentres que na Illa de Arousa celebraranse dous itinerarios, os días 19 e 25. Por último, a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) será escenario da ruta do día 26.
No que se refire aos restantes meses, a ruta polos Salóns do Lérez terá lugar o 3 de xullo; o 6 e 26 de agosto e o 3 de setembro, mentres que a da Illa de Tambo repetirase os días 10 e 14 de xullo, 14 e 27 de agosto e 17 de setembro. O Espazo natural de Bembrive será visitado o 9 de xullo, os días 12 e 21 de agosto e 11 e 25 de setembro, e a Illa de Arousa, o 23 de xullo, o 13 de agosto e o 18 de setembro. Por outra banda, para a Ruta da Pedra e da Auga poderá elixirse entre o 2 de xullo, o 5 e o 28 de agosto e o 4 de setembro, mentres que a da Ponte Colgante do Lérez celebrarase os días 17 e 30 de xullo, 19 de agosto e 24 de setembro. Por último, a da Senda do Almofrei terá lugar os días 16 e 31 de xullo, 7 e 20 de agosto e 10 de setembro.
En cada unha das rutas haberá unha dinámica específica relacionada cos beneficios dos “Bosques Terapéuticos”, adaptada aos contidos desenvolvidos na ruta e ao espazo no que se desenvolve. Fomentarase o uso dos sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación. As visitas están destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e terán unha duración de entre hora e media e 2 horas. Comezarán ás 10 polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa natureza e as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.