Abel Caballero avanzou este venres que avaliará co departamento legal do Concello de Vigo a conveniencia de presentar ou non un recurso contra a sentenza da Área Metropolitana de Vigo coñecida esta semana. O alcalde olívico non confirmou aínda que pasos seguirá e desbotou seguir as peticións dalgúns responsables do Partido Popular, que lle pediron que non alegue contra o fallo xudicial.
“Farei o mellor para a cidade, non descarto nada. Estudareino cos servizos xurídicos, non convén nunca precipitar as decisións”, declarou. Caballero abondou na súa valoración do ditame do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo, que anulou o funcionamento efectivo do novo ente supramunicipal ao estar supeditado á integración previa de Vigo no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Por outra banda, o xuíz rexeitou a pretensión da Xunta de Galicia de invalidar a constitución do organismo e a elección do propio Caballero como presidente.
“É fundamental subliñar que o Plan de Transporte Metropolitano de Galicia non existe, nin como disposición administrativa nin como acto administrativo xeral”, defendeu o alcalde de Vigo tomando como base o ditame xudicial. O que si existe é un convenio de colaboración formalizado entre a Xunta de Galicia e doce municipios da área en marzo de 2015. O Goberno autonómico entende que ese convenio ten natureza vinculante. Ademais, lembra que está referendado polo Consello da Xunta e polos plenos municipais dos doce concellos, e conta con partida consignada nos orzamentos de cada unha das administracións implicadas durante os anos nos que está en vigor.
Abel Caballero resaltou que a Área Metropolitana está legalmente constituída e con presidente “pero non se pode poñer en funcionamento porque Feijóo impuxo unha condición imposible de cumprir, que é integrarse nun Plan de Transporte que non existe”.
O alcalde censurou as declaracións do presidente da Xunta nas que tendía a man e sostivo que Feijóo “rebentou” a entidade administrativa levándoa aos tribunais e incluíndo esa condición: “Aceptarei esa man cando elimine da lei a cláusula de imposible cumprimento que segou a Área Metropolitana; aí aceptarei a man”.