Nas reunións mantidas este mércores, tanto coa xunta de persoal da área, como cos responsables das xefaturas de servizo e das supervisións de enfermería, Rubial explicoulles que estes relevos enmárcanse na nova etapa de axustes e consolidación do proceso de reordenación sanitaria que se levando a cabo no CHUVI. “Unha vez rematada a fase de traslado e apertura do novo hospital, damos un paso adíante e adentrámonos nunha nova fase, cun período estimado entre seis e doce meses, marcada por novas necesidades e obxectivos, e que, en consecuencia, necesita de novos perfís directivos para acometelos “, afirmou Rubial.
Ao referirse a estes novos profesionais, o xerente dixo que “presentan unha característica común, a súa vinculación persoal e profesional coa área de Vigo, xa que case todos eles ocuparon postos de responsabilidade nos centros de xestión, tanto de atención primaria como do CHUVI, sendo profundos coñecedores das características diferenciais desta área sanitaria”.
“Algúns deles son por todos coñecidos -engadiu o xerente- profesionais solventes e con ampla experiencia na xestión, cun perfil axeitado para afrontar ós novos e ilusionantes retos do momento actual, co obxectivo prioritario de facer efectiva a integración da atención primaria, dándolle un pulo ao traballo da xestión por procesos.”
García Comesaña, número dous
Julio García Comesaña, ata hoxe en día subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa do Sergas, ocupará a dirección de Procesos Asistenciais, en substitución de Mar Vélez Regueiro. Licenciado en Ciencias Físicas e especialista en Radiofísica Hospitalaria, desenvolveu toda a súa traxectoria profesional en Vigo, en concreto no CHUVI, onde desempeñou diversos cargos: xefe do servizo de Protección Radiolóxica do Meixoeiro, director de Centro, e posteriomente, director Operativo deste Complexo. Ademais, é o Coordinador autonómico da Estratexia Galega Contra o Cáncro desde hai catro anos.
A dirección de Procesos Asistenciais sen Ingreso e Urxencias será desempeñada por Maríola Rodríguez Vázquez, que relevará a Javier Caramés Casal. Maríola viña exercendo como médico de Atención Primaria no centro de saúde de Porriño, e desenvolvía labores técnicas na dirección xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas. No seu curriculum cabe subliñar que tamén ocupou varios cargos directivos no Chuvi, onde exerceu como subdirectora médica do Hospital Xeral e directora de Centro do Complexo Hospitalario.
Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Navarra, a maior parte da súa actividade laboral dedicouse á xestión de centros sanitarios, sendo directora médica de Atención Primaria de Ourense, subdirectora médica do Hospital Clínico de San Carlos de Madrid, e directora de Procesos Asistenciais da EOXI de Ourense.
Javier Puente Prieto será o novo director de Procesos de Soporte, e relevará a Ana Saracho Portela. Ata o momento, Puente exercía a dirección de Procesos Asistenciais da EOXI de Ferrol. Ao igual que os anteriores, desenvolveu boa parte da súa carreira na sanidade pública de Vigo, onde exerceu como médico no servizo de Urxencias de Tui, e médico de atención primaria en Salvaterra; posteriormente pasaría ao Complexo vigués onde foi director de Centro do Chuvi. En Ourense desempeñou diversos cargos, sendo director de Centro e director Operativo dese Complexo; ademais de director da Fundación Pública Hospital de Verín e xerente do Hospital comarcal de Monforte de Lemos.
A dirección de Recursos Humanos recaerá en Ana Comesaña Álvarez, que viña desempeñando este mesmo posto na EOXI de Pontevedra e o Salnés, e que collerá o relevo de José María Solís Camino. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, fora xefe do servizo de Persoal do Hospital Meixoeiro. Posteriormente, ocupou a subdirección xeral de Políticas de persoal do Sergas; e logo deu o salto a Universidade de Vigo como Vicexerente de Persoal.
Novos subdirectores
Nesta nova etapa tamén vanse relevar do equipo directivo varias subdireccións como as dúas de Procesos sen Ingreso e Urxencias, actualmente ocupadas por José Benito Rodríguez Fernández e Juan Lázaro Anguís; e a subdirección de Procesos de Enfermaría sen Ingreso, ocupada por Belén Vázquez Pacheco.
En substitución de José Benito Rodríguez nomeouse a Elena Lorenzo Llauger, actual xefa da Unidade de Atención Primaria do centro de saúde de Salvaterra. Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, a súa actividade profesional desenvolveuna tanto no ámbito asistencial como no da xestión sanitaria. Exerceu como médico dos servizos de Urxencias do Hospital Xeral e do Meixoeiro e como médico de familia no centro de saúde de A Doblada; en canto ao ámbito da xestión, foi directora médico de Atención Primaria da Xerencia de Pontevedra e posteriormente directora Asistencial da devandita Xerencia .
A outra subdirección médica será cuberta nos vindeiros días
No referido aos Procesos de Enfermaría sen Ingreso, esta subdirección será liderada por Ana Estévez Álvarez, que xa fóra directora de Enfermaría do Chuvi. Ana Estevez, que na actualidade exercía a súa profesión no centro de saúde de Panxón, tamén desenvolveu a maior parte da súa vida laboral no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, ocupando diversos cargos, sendo supervisora de diferentes áreas e Unidades; subdirectora; e directora de Enfermería do devandtio Complexo.
Agradecementos
No transcurso destas presentacións, o xerente tivo palabras agradecemento para os directivos saíntes, dos que dixo “sen dúbida foi o mellor equipo que puiden ter para afrontar un traslado destas características e, gracias a súa dedicación e ao seu elevado nivel de compromiso co sistema público de saúde, hoxe estamos aquí, cun novo hospital aberto e funcionante, e acometendo unha nova etapa”.