Carlos González Lozano é o novo director xeral de Vitrasa, substituíndo así no cargo a Luis González, que estivo ao fronte da concesionaria viguesa dende setembro de 2019. Luis González regresa á dirección da División de Levante do Grupo Avanza (propietario da firma olívica) posto que xa ocupaba antes de chegar a Vigo.
Licenciado en Administración e Dirección da Empresa pola Universidade de Oviedo, Carlos González conta cunha traxectoria profesional de máis de 20 anos no sector do transporte. A súa última experiencia foi no Consorcio de Asturias, onde estivo á fronte da institución durante 13 anos como director xeral, xestionando e planificando todas as concesións de transporte regular de viaxeiros por carreteira do Principado de Asturias. Alí, segundo destaca Vitrasa, acadou “grandes logros como a transformación da rede concesional e o impulso aos servizos especiais”.
O novo director xeral da concesionaria de transporte urbano de Vigo asume esta nova etapa profesional con “gran ilusión”. “Seguiremos traballando para ofrecer un servizo de calidade e seguro para todos os vigueses e viguesas, coidando da sustentabilidade e empregando as últimas innovacións tecnolóxicas dispoñibles para facer do transporte urbano de Vigo un referente a escala nacional no ámbito da mobilidade”, sinalou tras tomar posesión do seu cargo.
Entre os retos que o novo responsable de Vitrasa terá por diante atópase a recuperación de viaxeiros tras un mal 2020, que ademais provocou unha importante baixada de ingresos. Neste sentido, González Lozano tamén terá que negociar co Concello de Vigo a indemnización que lle corresponde pola abrupta perda de pasaxeiros provocada pola pandemia.