O Bloque Nacionalista Galego vén de nomear a deputada no Parlamento galego, Carmela González, como a súa nova responsábel local en Vigo. A fronte nacionalista celebrou esta semana a Asemblea Local para renovar os seus organismos na cidade, un encontro no que González, que sucede a Serafín Otero no cargo, resultou elixida por unanimidade entre a militancia.
«Asumimos o reto de seguir alargando a base social do BNG, o reto de achegar o proxecto político da nosa organización e conseguir que nas próximas eleccións municipais de 2023 vexamos reflectido ese traballo en número de votos e nunha maior representación no Concello de Vigo», salientou González, que encabezou a única candidatura presentada para renovar o Consello local.
A nova responsábel da fronte nacionalista en Vigo fixou como obxectivo reforzar o contacto a pé de rúa coa veciñanza e os movementos sociais para escoitar as súas demandas e trasladar as propostas do BNG. «Nin Abel Caballero nin Alberto Núñez Feixóo atenden as necesidades da nosa cidade, nós temos que ser a alternativa a ese abandono», afirmou González, que destacou nese sentido o «gran traballo» que está a desenvolver o portavoz municipal e concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas.
González dixo que o Consello Local elixido arranca este novo período con «moita ilusión e co convencemento de que estamos no camiño correcto para seguir medrando» e resaltou «o traballo de toda a militancia e das persoas simpatizantes, porque a forza do BNG está na implicación e no traballo de todas as persoas que formamos parte desta organización».
A tamén deputada no Parlamento galego puxo en valor a cohesión interna da fronte nacionalista en Vigo. «Hoxe somos unha organización local máis unida, máis forte, e cun BNG preparado para ser a alternativa política e de goberno tanto na cidade como no País», asegurou durante o acto de presentación do organismo local, que incorpora novas caras e estará encabezado por dúas mulleres, con Ana Martínez como Vicerresponsábel Local.
González expresou o seu «profundo recoñecemento e agradecemento» polo traballo realizado até o momento por Serafín Otero á fronte da organización local do Bloque. «Serafín foi unha peza fundamental para lograr resistir en tempos moi difíciles, para remontalos con forza e para estarnos hoxe en condicións de presentar o BNG como a verdadeira alternativa política en Vigo», afirmou.
Composición do novo Consello Local do BNG de Vigo
- 1. Carmela González Iglesias (Responsábel Local)
- 2. Ana Martínez Piñeiro (Vicerresponsábel Local)
- 3. Xabier Pérez Igrexas
- 4. Manuel Caride Correa
- 5. Adrían Rodríguez Bravo
- 6. Serafín Otero Fernández
- 7. Belén García Suárez
- 8. Patricia Maquieira Gómez
- 9. Nuno Galán Alves
- 10. Henrique Vieitez Alonso
- 11. Raquel Pérez Fernández
- 12. Olaia Fernández Davila
- 13. Félix Caride Correa
- 14. Xerome Calero Prado
- 15. Xosé Antonio González Azpeitia
- 16. Borxa González Castro
- 17. Lidia Fariña Piñeiro
- 18. Maribel Tato Sánchez
- 19. Xosé Manuel Atanes Limia
- 20. Xoán Carlos Rodríguez Vila
- 21. Beatriz Caamaño Rascado
- 22. Eduardo Ruanova Davila
- 23. Segundo González González
- 24. Luisa María Baños González
- 25. Lois Pérez Castrillo