Neste sentido, a visita de Liam Holden e Pádraig Ó Duinnín ás instalacións do Museo do Mar de Galicia servirá para avaliar as necesidades materiais que permitirán abordar a restauración deste barco tradicional irlandés construído por Danny Sheehy e Liam Holden, dous dos peregrinos que completaron, xunto con Brendan Begley e Brendan Moriarty, este itinerario xacobeo a través do mar.
A proeza que iniciaron os irlandeses en Dublín foi alcanzada, despois de dous anos e tras varias paradas. Chegaron a cidade da Coruña en xuño de 2016 e o grupo conseguiu, só uns días despois, levar o seu bote de sete metros de eslora ata a praza do Obradoiro.
Un ano despois de completar esta experiencia, nunha navegación polas rías galegas, a embarcación virou na barra do Miño. Neste accidente faleceu Danny Sheehy, un dos construtores, mentres que os outros tres ocupantes tiveron que ser trasladados ao hospital con signos de hipotermia.
Tras este fatal acontecemento, a embarcación foi trasladada ata as dependencias da G.N.R. Portuguesa de Caminha ata que, pola vontade dos propietarios, o especial interese do Museo do Mar de Galicia e a colaboración de Rodrigo Arbones, Manuel Lara e o Club Náutico de Tui, chega o depósito definitivo no centro museístico de Alcabre, dependente da Consellería de Cultura e Turismo.
Despois da visita dos carpinteiros irlandeses espérase que este verán poida abordarse a súa restauración, actuación que impulsan a Asociación Galega do Patrimonio Industrial (BUXA), a asociación irlandesa Meitheal Mara e o propio Museo do Mar de Galicia. Este proxecto intercultural involucra, entre outros, á Xunta de Galicia, a Embaixada de Irlanda en España, a asociacións en defensa do patrimonio marítimo galego, como Culturmar e Agalcari; e a organismos transfronterizos, como Eixo Atlántico.