Un total de 20.494 persoas están chamadas ás urnas para elixir reitor e Claustro este mércores na Universidade de Vigo, nunha xornada electoral marcada polo falecemento onte do vicerreitor de de Ordenación Académica de Profesorado, Manuel Ramos. As 24 mesas electorais repartidas polos tres campus (12 en Vigo, 7 en Ourense e 5 en Pontevedra) abriron sen incidencias ás 10.00 horas e, pasados apenas uns minutos, o actual reitor e candidato á reelección, Manuel Reigosa, exerceu o seu dereito ao voto no seu centro, a Facultade de Bioloxía.
Alí foron moitos docentes e traballadores do centro os que se achegaron a Reigosa para trasladarlle as súas condolencias. Visiblemente emocionado destacaba que “hoxe vimos votar por Manolo, porque cando hai unha perda así todo pasa a segundo plano. Hai catro anos estabamos aquí cheos de ilusión, este mesmo luns estabamos con el cheos de propostas de futuro para facer unha Universidade mellor e agora xa non está. Pero hai que facerse forte por el e por iso vimos a votar hoxe. O resultado é o de menos, agora o importante é estar coa familia e amigos porque é unha perda irreparable, non hai palabras”.
Ademais, esta tarde fíxose pública unha resolución reitoral a través da que a Universidade traslada as condolencias de toda a comunidade universitaria á familia de Ramos e declara a xornada de mañá xoves de loito oficial, polo que as bandeiras oficiais nos edificios da institución ondearán a media hasta e figurará un crespón negro na web. A actividade académica e laboral seguirá con normalidade.
Á espera dunha alta participación
No campus Ourense, entre as primeiras persoas en votar estiveron a candidata a vicerreitora deste campus, a profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Elena Rivo, e os tamén membros da candidatura de H2040 Susana Reboreda e Miguel Ángel Michinel. Da xornada de votacións Elena Rivo destacou que “agardamos que a participación sexa alta, que sexa un exemplo de democracia e que todo o mundo exprese a súa opinión”. A candidata amosou o seu desexo de que “o resultado sexa favorable para a nosa candidatura” pois “queremos acadar unha maior porcentaxe de sis ca de nons para referendar máis o noso traballo e sentírmonos con máis forza para este segundo mandato”.
Con independencia do resultado que se acade nas votacións, subliñou emocionada Elena Rivo, “aínda que sexa positivo, terá un sabor moi agridoce”, en referencia ao falecemento do vicerreitor Manolo Ramos. “Manolo era unha magnífica persoa, que é o máis importante. Era unha persoa que chamaba a atención polo seu talante, pola súa profesionalidade e pola súa forma de conseguir consenso”, lembrou. Agradecendo as mostras de agarimo recibidas de toda a comunidade universitaria e de fóra dela, Elena Rivo subliñou que “será moi difícil substituír a Manolo non só pola súa capacidade de traballo e profesionalidade senón sobre todo pola súa calidade humana”.
Chamamento a votar
En cinco mesas electorais, emprazadas nas cinco facultades e escolas do campus, están chamados a votar nesta xornada en Pontevedra as e os integrantes da comunidade universitaria. Unha das primeiras facelo, coincidindo coa apertura das urnas ás dez da mañá, precedida no seu centro por un minuto de silencio en memoria de Manuel Ramos, foi a decana de Fisioterapia e candidata a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, que animaba “a toda a comunidade universitaria a exercer o seu dereito a voto e a que o faga convencida”, agardando tamén “un voto favorable co que se vexa fortalecida esta institución”. Previamente, Lantarón recoñecía afrontar esta xornada electoral “con pesar pola falta” de Ramos, “pero á vez sabendo que estamos seguindo o camiño que Manolo quería e que, por el e pola Universidade, temos que seguir loitando por mellorar a nosa institución”.
Tras emitir o seu voto, a candidata a vicerreitora viaxou este mediodía a Sevilla para participar nunha reunión da xunta permanente da Conferencia Nacional de Decanos de Fisioterapia, da que é presidenta, e posteriomente a Cádiz, onde terá lugar XX xornada desta conferencia. “É algo que estaba previsto desde hai meses e dáme pena non poder estar hoxe co resto do equipo”, recoñecía Lantarón, quen deberá seguir “no móbil, desde a distancia”, o resultado das votacións.
Por primeira vez, papeletas a favor ou en contra
Aínda que esta non é a primeira vez que se presenta unha única candidatura á Reitoría da Universidade de Vigo, estas eleccións si son as primeiras nas que na institución viguesa se pode votar a favor e en contra do candidato. Así, para poder revalidar o cargo, Manuel Reigosa deberá obter máis votos ponderados positivos ca negativos. Precisamente, en canto ás ponderacións dos votos esta é do 51% no caso do profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade; 25% estudantado; 15% PAS e 9% o restante persoal docente e investigador.
Nas eleccións a reitor deste mércores poden exercer o seu dereito ao voto 20.494 persoas, das cales 907 son do sector PDI-A (Profesorado doutor con vinculación permanente á universidade); 1076 do PDI-B (restante persoal docente e investigador); 16.697 estudantes de 1º e 2º ciclo e 1036 de 3º ciclo e 778 PAS (Persoal de Administración e Servizos).
No caso das eleccións a Claustro, o número de membros da comunidade universitaria que, segundo os censos definitivos, poden exercer o seu dereito a voto é de 20.121, 373 menos que no caso do proceso electoral a reitor, porque o alumnado do Programa Universitario de Maiores non participa na elección dos membros do máximo órgano de control e representación da comunidade universitaria, aínda que si o fai na elección do reitor por primeira vez na Universidade de Vigo.
Os resultados, en tempo real
Unha vez pechen as mesas electorais, ás 18.00 horas, comezará o reconto dos votos emitidos, que poderá seguirse en tempo real a través dunha plataforma web deseñada para a ocasión.
Ademais, ás 18.10 horas o candidato a reitor de H2040, Manuel Reigosa, dará lectura a unha declaración institucional sobre a celebración da xornada electoral.