Empregar os residuos da produción de aceite de oliva para a depuración dos restos de medicamentos nas augas residuais e, así, impedir a súa chegada aos ríos e ao medio mariño, onde poden resultar prexudiciais para os seres vivos e os diferentes organismos que habitan estes ecosistemas.
Esta é a tese que defende Silvia Escudero-Curiel, investigadora do grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles (Biosuv) do Centro de investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo-, nun artigo publicado na revista Environmental Pollution, no que demostra que o tratamento é posible a través da valorización de residuos industriais transformándoos en adsorbentes de fármacos.
A presenza de certos medicamentos no medio acuático supón unha preocupación crecente polo elevado risco ecotoxicolóxico tanto para os organismos como para a saúde humana.
É o caso dos antidepresivos como a fluoxetina (prozac), cuxa presenza nas augas está asociada a cambios de comportamento en peixes e moluscos, e de antibióticos de amplo espectro, como as cefalosporinas, aumentando o risco de xerar resistencias bacterianas.
Estes fármacos forman parte do grupo de contaminantes emerxentes xunto a outras sustancias químicas, como determinados praguicidas, deterxentes e cosméticos, entre outros, que se detectan ultimamente nas augas residuais e que poden resultar prexudiciais para os seres vivos e os ecosistemas.
A partir do ‘alperujo’
Segundo unha investigación da Unesco, estas sustancias chegan o medio mariño e de auga doce a través dos vertidos das depuradoras municipais. Neste sentido, o punto de partida para conter a expansión destes contaminantes sería o tratamento das augas. Pero, como tratalas? É posible limpalas sen que supoña un grande investimento para as plantas depuradoras, e sen que xerase máis impactos ao mesmo tempo?
Os resultados da investigación publicada por Silvia Escudero-Curiel demostran que o tratamento é posible a través da valorización de residuos industriais transformándoos en adsorbentes de fármacos. En concreto, seguindo os principios de residuo cero, no seu traballo utiliza ‘alperujo’, un subproduto resultante do centrifugado da oliva mentres se está obtendo o aceite no muíño, como precursor para obter un adsorbente que captura os contaminantes da auga que as depuradoras non eliminan.
Baseado na economía circular e xerando impacto cero, o obxectivo do traballo é valorizar os residuos procedentes de industrias locais para o tratamento de augas residuais. No caso da industria colaboradora neste estudo, Aceites Abril SL, o seu elevado volume de produción proporciona unha gran cantidade deste subproduto que pode ser utilizado como adsorbente, en lugar de ser xestionado coma un residuo.
Carbonización hidrotermal
O método utilizado nesta investigación consiste na carbonización hidrotermal, un procedemento de conversión termoquímica que permite transformar a biomasa, neste caso o ‘alperujo’, nun material carbonado estruturado denominado biocarbón ou hidrochar mediante a aplicación de temperatura (220º) en auga a presión de vapor saturado nun reactor de alta presión durante dúas horas.
“Empregando a termovalorización deste residuo como adsorbente resolvemos simultaneamente dous problemas: a xestión dos residuos derivados da produción do aceite por unha banda e o tratamento das augas por outra. Deste xeito, xeramos un produto de valor engadido, un adsorbente co que obtivemos moi bos resultados, eliminando contaminantes con efectos ecotoxicolóxicos que as depuradoras non eliminan, como a fluoxetina e a cefazolina”, sinala Silvia Escudero-Curiel.
“É unha tecnoloxía que require pouco investimento e que se aplicaría, de xeito moi económico, como tratamento das augas, seguindo os principios da economía circular e residuo cero, pero ao non existir lexislación aínda non se ten implementada. Non obstante, é cuestión de tempo, xa que a Unión Europea está poñendo a punto a lexislación sobre este problema medioambiental”, apunta a investigadora.
Do mesmo xeito, Escudero-Curiel destaca que esta tecnoloxía podería aplicarse noutros ámbitos realizando unha funcionalización para cubrir necesidades xurdidas doutros problemas. Dende o grupo Biosuv de Cintecx están a aplicar estas técnicas a outros procesos.
Nos últimos anos experimentouse un aumento da concentración de fármacos antidepresivos e antibióticos no medio acuático pero polo momento a súa presenza no medio non está regulada.
A imposibilidade de limitar o consumo destes medicamentos por ser necesarios para a saúde e o benestar humanos, unida á falla de regulación que limite súa presenza na auga, implica a necesidade de identificar métodos que contribúan á eliminación en depuradoras destas sustancias ecotoxicolóxicas con efectos nocivos demostrados sobre os seres vivos e os ecosistemas, de cara ao futuro.
Trátase dunha cuestión de tempo que as autoridades competentes actúen ao respecto. Neste sentido, a comunidade científica, con traballos coma o de Silvia Escudero-Curiel, vai un paso por diante para estar preparados cando a lexislación inclúa este tratamento.