O Bloque Nacionalista Galego solicita ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que volva ‘inaugurar’ Vigosónico. A fronte nacionalista realizou este venres un acto simbólico nas instalacións do espazo xuvenil para urxir ao Goberno municipal a súa reapertura e para que «deixe de castigar» a mocidade coas súas políticas.
«Como sabemos que o único que lle preocupa a Abel Caballero son as inauguracións, vimos de instalar de forma simbólica unha cinta para convidalo a que reabra de forma inmediata Vigosónico», explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou que as nacionalistas teñen presentado numerosas iniciativas nos últimos meses, entre elas unha moción ao Pleno en decembro de 2020, para esixir a volta deste espazo.
Igrexas subliñou que non existe ningunha xustificación para mantelo pechado e sen actividade desde hai máis de 670 días. «É a única dotación municipal que aínda non recobrou a normalidade despois do seu peche en plena pandemia», criticou o portavoz municipal do Bloque. De feito, o propio alcalde de Vigo afirmaba en outubro do pasado ano, tras unha nova petición do BNG, que reabriría Vigosónico en datas próximas.
Segundo asegura Igrexas, o goberno municipal non deu ningún paso para a reapertura deste espazo referencial no lecer xuvenil. Afirma tamén que naceu no ano 2011 como resultado do traballo impulsado polo BNG desde a Concellería de Xuventude do Concello de Vigo e desde a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta co obxectivo de apostar por esa «enorme potencia creativa» que ten a mocidade viguesa, nomeadamente no ámbito musical.
Un paso máis na «desertización cultural»
A fronte nacionalista valorou esta decisión como un novo paso do goberno de Abel Caballero cara a «desertización cultural e das políticas xuvenís» en Vigo. Unha «desertización» que se iniciou no ano 2014 coa desaparición do Súbete ao Castro, dos Castroconcertos e da Liga de Improvisación Teatral, e que continuou no ano 2017 co peche do Punto Xove e coa situación de «coma inducido» da Casa da Xuventude.
Desde o BNG recolleron tamén as demandas da plataforma Grupos en Loita, constituída recentemente para esixir a reapertura do espazo, e coa que mantiveron un encontro nos pasados días. «Máis de 80 grupos estaban facendo uso de Vigosónico para ensaiar, gravar as súas maquetas ou participar de actividades formativas ou obradoiros. É necesario volver a prestarlle servizo a eses centos de mozas e de mozos», remachou Igrexas.