«Non podemos soportar máis que a nefasta xestión do Goberno de Abel Caballero teña convertido VigoZoo, que era xa unha moi precaria cárcere de animais, nun verdadeiro campo de exterminio».
O Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova veñen de clausurar VigoZoo este sábado cunha acción simbólica para reclamar a transformación deste espazo, convertido nun «campo de exterminio» de animais. A fronte nacionalista esixe ademais a reprobación da concelleira de Medio Ambiente pola «opacidade» a respecto das 13 mortes de animais nos últimos tres anos en circunstancias aínda por aclarar.
O concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, reprochou a negativa da edil Nuria Rodríguez a comparecer na Comisión Informativa do Pleno para dar explicacións sobre estes falecementos e por non ter facilitado o acceso aos informes solicitados polas nacionalistas hai 20 días.
Igrexas asegurou que esta problemática é produto do «abandono» do Goberno municipal, por non dotar de persoal nin de medios necesarios para garantir a calidade de vida dos animais que están en catividade nesta instalación municipal. De feito, desvelou, VigoZoo tan só contaba este sábado cunha coidadora e, segundo informacións do propio centro, a metade do persoal está nestes momentos de baixa polas difíciles condicións para realizar o seu traballo.
Fin ao modelo exhibicionista
O concelleiro do BNG esixiu nese sentido un «xiro de 180 graos» do actual modelo «caduco e exhibicionista», na liña da proposta realizada durante os últimos anos polo Bloque a través de sucesivas emendas nos orzamentos municipais. «Urxe implementar a estratexia ZooXXI para transformar este espazo nun gran centro de conservación de fauna e de sensibilización ambiental», defendeu, á vez que rexeitou os anuncios de PSOE e PP para reconvertelo nun parque multiaventuras e nun campamento, respectivamente.
Dende a fronte nacionalista chamaron ao Goberno municipal a dar resposta á «elevada sensibilidade ambiental e animalista» que hai na cidade, lembrando que o pasado decembro o Pleno aprobou unha moción do BNG que declaraba Vigo como cidade contraria a toda forma de maltrato animal.