A Xunta anunciou este sábado o inicio do proceso de adxudicación das 24 vivendas de promoción pública que construíu na rúa Canicouva (Chantada) en terreo cedido polo Concello de Vigo. Trátase de inmobles de 4, 3 ou 2 dormitorios, 3 deles adaptados a persoas con mobilidade reducida, que contan con garaxe e rocho, patio exterior e con acabados de calidade.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou que o obxectivo desta intervención na que a Xunta está a investir 3,4 millóns de euros, é o de facilitar o acceso a unha vivenda a todas as familias que precisen axuda a un custe asumible. Así, sinalou que os adxudicatarios provisionais sairán dun sorteo ante notario o 13 de maio entre as persoas que estean inscritas na cidade no Rexistro de demandantes de vivenda.
Neste contexto, sinalou que os orzamentos autonómicos do 2021 inclúen o ámbito residencial de San Paio de Navia, ao que se destinan máis de 12,5 millóns de euros; 3,8 millóns de euros para a rehabilitación do Casco Vello; e os 1,34 millóns que se destinan á construción das 62 vivendas de promoción pública nas rúas Canicouva e Ignacio Grobas, cunha inversión en conxunto que alcanza os 8,42 millóns de euros.
Axudas ao alugueiro
Por outra banda, Fernández-Tapias insistiu no especial esforzo que realizará o Goberno galego este ano mobilizando preto de 10 millóns de euros en axudas directas a particulares para o alugueiro a través dos catro programas que se teñen activados.
Neste sentido, apuntou que os colectivos específicos con escasos recursos económicos poden solicitar ata o vindeiro 30 de abril as axudas dirixidas a facilitar o acceso e mantemento da súa vivenda habitual. Esta convocatoria, enmarcada no Plan estatal de vivenda 2018-2021, conta cunha dotación global de 2,27 millóns de euros.