Esta semana comezaron as obras de mellora da rotonda do parque empresarial da Pasaxe, en Vigo. O obxectivo dos traballos é mellorar a seguridade deste treito de concentración de accidentes entre o punto quilométrico 11+200 e o 14+600, que coincide na zona máis industrializada, e na zona un pouco máis rural que rodea e conforma os accesos á zona empresarial. Os traballos suporán un investimento da Xunta próximo aos 435.000 euros e estarán rematados este mesmo ano.
Executarase unha glorieta para facilitar os xiros e o acceso á zona empresarial na intersección entre a PO-331 e a AG-57. Tamén se acometerán beirarrúas ao longo dun treito duns 600 metros para facilitar os desprazamentos a pé.
De xeito paralelo, mellorarase o acceso desde a PO-331 ao polígono, co reforzo do firme, nunha zona da estrada na zona máis rural. Ademais, prevese o reforzo da seguridade nos pasos peonís, garantindo unha mellor visibilidade coa limitación de aparcamento nas súas proximidades e con iluminación axeitada.
Esta actuación non afectará á zona de Vincios, onde a mellora da seguridade viaria se acometerá cando o Concello de Gondomar acade o consenso necesario cos veciños.
A intervención enmárcase na estratexia da Xunta para ter actuado en todos os tramos de concentración de accidentes existentes nas estradas de titularidade autonómica no horizonte deste ano.