Segundo explicou este xoves o alcalde, trátase das ruínas dun edificio de estilo indiano de finais do século XIX que funcionará como espazo de desenvolvemento cultural, museístico, teatral e turístico e o custo da actuación ascende a 318.000 euros entre a redacción do proxecto e o conxunto da acción.
A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves aprobou tamén o convenio de colaboración entre a Xunta, o Concello e ADIF para executar os accesos e a construción da nova estación do AVE de Vigo. O acordo supón un investimento de 10,7 millóns de euros e inclúe a realización do túnel de saída da rúa Lepanto cara a autoestrada e permitirá a futura construción da estación de autobuses. ADIF achega 6,63 millóns de euros, o Concello de Vigo 2,3 e a Xunta de Galicia 1,7 millóns de euros.
A Xunta deu luz verde á clasificación de ofertas para a contratación do servizo público de estacionamento regulado e controlado na vía pública mediante parquímetros, un contrato que, segundo apuntou Caballero supón un «cambio de filosofía no custo que ten para as arcas municipais» porque difire do existente que contemplaba que o Concello tiña que cubrir custos se a empresa non chegaba a determinadas cantidades, mentres agora non achega recursos á mesma e, se recada máis dunha cantidade, debe ingresarllo ao Concello.
Ademais, quedou aprobada a clasificación de ofertas para a contratación do servizo para o mantemento integral do exotarium e bolboretario de Vigozoo así como a autorización para organizar a 39 edición do Memorial Belarmino Alonso de campo a través que se celebra este domingo 26 de novembro.