Abel Caballero e Carmela Silva visitaron esta mañá a humanización da estrada Porto na que se están a investir 3,5 millóns de euros en 1,3 km vial. É a Deputación á que financia o 70% do custo das obras que se prolongarán 18 meses e, ao final, cederá ao Concello a titularidade da estrada.
Tal e como detallou o rexedor, ampliarase o vial, construiranse muros e beirarrúas a ambos lados da estrada, ademais de habilitar 71 prazas de aparcamento. Renovarase o pavimento, as redes de subministros, canalizacións e plantaranse 142 árbores ao tempo que se colocará novo mobiliario urbano con 15 bancos, entre outras moitas melloras.
Durante a rolda de prensa, o rexedor agradeceu a súa xenerosidade aos propietarios que cederon terreos aos que se lles recoñecerá que, se nalgún momento o terreo colindante á estrada ten aproveitamento urbanístico, se lle computarán os metros cedidos á ampliación. A este respecto, avanzou que se expropiará a aqueles que se negaron a ceder terreos, respectando, por suposto, todos os seus dereitos “porque moi poucos cidadáns non poden parar unha actuación necesaria para a cidade”.
Día Europeo sen coches
Vigo sumouse hoxe martes á celebración do Día Europeo sen coche e, co obxectivo de fomentar o uso do transporte público, o Concello decretou a gratuidade das liñas H, H1, H2 e H3 durante toda a xornada.