Abel Caballero e Carmela Silva presentaron este xoves, na Casa da Entidade Local menor de Bembrive, a nova actuación de mellora da mobilidade peonil que se enmarca no convenio entre ambas institucións.
O alcalde puxo en valor a cooperación entre o Concello e a Deputación de Pontevedra que permite “levar a cabo actuacións importantes na cidade e seguiremos colaborando moitos anos máis”. E referíndose ao pedáneo de Bembrive, Marcos Castro, apelou á “integración vertical, traballando xuntos defendendo os intereses da cidadanía” para levar adiante a parroquia.
As obras de mellora da mobilidade peonil na EP-2001 Calvario-A Garrida desenvolveranse na contorna da Entidade Local Menor de Bembrive e na Praza do Mosteiro e locais comerciais, unha zona concorrida por peóns e que, na actualidade, ten beirarrúas reducidas e un aparcamento que cómpre reordenar.
O proxecto que ten un importe de 233.587 euros quere dotar o espazo, situado na intersección de catro vías, de prioridade peonil reestruturando a zona e incluíndo xardíns. Unha obra demandada pola parroquia a través do alcalde pedáneo.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lembrou que “esta vía provincial que temos en Vigo é unha infraestrutura de moitos quilómetros” nos que xa se está actuando, concretamente “na zona que transcorre por Porto, onde estamos a piques de rematar as obras”. Agora iníciase unha nova fase que permitirá que “este espazo sexa recuperado para as persoas, con seguridade e cun cambio estético que o converterá practicamente nunha gran praza”.
O Concello e a Deputación de Pontevedra asinarán o convenio de forma inmediata para poder sacalo a licitación e que a obra poida estar executada no menor tempo posible, segundo informaron desde a institución municipal.