Neste marco, o IGVS achegará un total de 800.000 euros ao Consorcio nos próximos catro anos, mentres que o Concello de Vigo deberá aportar 88.888 euros no mesmo período. A participación do IGVS no capital do Consorcio é do 90 por cento, mentres que a do concello se reduce ao 10 por cento.
De conformidade co Plan de Actuación do Consorcio Casco Vello de Vigo para o período 2018-2024, durante o período de prórroga completarase a acción levada a cabo na zona alta do Casco Vello, eliminando aqueles puntos negros que aínda persisten no tecido urbano, rehabilitando os inmobles que o precisan, comezando en primeiro lugar polos sete inmobles que xa son propiedade do Consorcio e continuando cos restantes dez inmobles previstos dos quen aínda non se dispón da súa titularidade.
Na zona baixa o esforzo inversor centrarase fundamentalmente en dúas zonas, Ribeira do Berbés e a zona de Poboadores, comezando polos inmobles xa adquiridos polo Consorcio ou que prevé adquirir durante o exercicio 2017.
Así mesmo, o mantemento da vixencia do Consorcio vai permitir aproveitar as oportunidades que para a rehabilitación conterá o próximo plan estatal de vivenda, fundamentalmente a través do programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, así como a través do programa de axuda aos mozos.
Case cen vivendas rehabilitadas
Ata o momento actual o Consorcio do Casco Vello de Vigo leva adquiridos 72 inmobles, dos que 54 xa foron rehabilitados e cinco están en execución.
Rehabilitáronse 99 vivendas, das que 80 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 31 locais comerciais, dos que se venderon seis e oito están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 17 restantes en fase de adxudicación.
Previsión 2018
O Consorcio do Casco Vello de Vigo iniciará en 2018 a rehabilitación de catro novas edificacións e continuará coa rehabilitación doutras seis, tal como acordou o consello de administración do mesmo celebrado no pasado mes de setembro, que aprobou o programa de actuacións, investimentos e financiamento para o próximo ano.
Deste xeito, continuará a rehabilitación dos edificios emprazados en Subida ao Castelo 12, Subida á Costa 5, Cruz Verde 8 e 12 e Ferrería 8 e iniciará a rehabilitación de Praza do Berbés 5, 7 e 41 e de Elduayen 31.
Nos edificios que se atopan xa en obras obteranse nove vivendas e dous locais comerciais. Prevese que o Consorcio destine á rehabilitación destas edificacións preto de 1,3 millóns de euros.