O alcalde, Abel Caballero, e o delegado da Zona Franca, David Regades, asinaron este luns ante notario a compravenda dos inmobles de Areal 46 e rúa Oporto 1, o antigo Reitorado e o edificio anexo, que pasan a mans do Consorcio a cambio de 5,6 millóns de euros.
Segundo explicou o rexedor, a taxación valorou o edificio histórico do antigo Reitorado en 3,48 millóns de euros e o edificio anexo, en 2,12 millóns de euros. O importe total da operación xa foi transferido pola Zona Franca ao Concello de Vigo.
En declaracións por videoconferencia, Caballero valorou o “modelo da participación da Zona Franca” en Vigo e considerou “bo que estea no centro e non illado da cidade”, en referencia á súa actual localización, no polígono de Bouzas. “Zona Franca ten que integrarse máis no tecido socioeconómico e na cidade e precisa dun espazo destas características”, estimou o alcalde.
Ademais, e desde o punto de vista municipal, o Concello de Vigo obtén 5,6 millóns de euros de liquidez e “as arcas municipais se reforzan”. Para Abel Caballero, despois desta compravenda “somos financeiramente máis fortes que antes e é un bo momento para selo porque veñen tempos difíciles e eu quero utilizar os recursos do Concello de Vigo en favor do conxunto da cidade”.
Pola súa banda, David Regades considera que “poder levar ao centro da cidade a sede de Zona Franca é un gran paso”, xa que con este traslado “poderemos achegar aínda máis a nosa xestión á cidadanía” e “volver, cunha sede propia, ao lugar onde naceu hai máis de 70 anos para ser o principal axente inversor de Vigo e a súa área de influencia”.
O delegado tamén fixo fincapé no feito de que este traslado permitirá liberar espazo nun polígono de alta demanda, como é a área de Bouzas, e poñer a disposición das empresas todo o edificio de 2.365 metros cadrados que ata o de agora ocupa a Zona Franca.