Tras tres anos de traballo, con dez institucións europeas implicadas, 20 organismos colaboradores e 2,3 millóns de euros de orzamento, o proxecto Atlantic-POSitiVE de loita contra a avespa velutina conclúe este mes de xuño.
E faino, segundo a entidade coordinadora, a Fundación CEER, Centro de Estudos Eurorrexionais, de xeito exitoso, despois de conseguir, entre outros avances, crear unha plataforma de predición en liña para avaliar o risco de invasión e monitorizar os cambios na distribución desta especie invasora con ferramentas estatísticas e tecnolóxicas.
Esta alianza atlántica liderada polo CEER está formada polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Trás-os-Montes e Alto Douro, Exeter e Cork, ademais da Xunta de Galicia, o Instituto Nacional de Investigación Agraria e Veterinaria de Portugal, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario e o Instituto Nacional da Investigación Agronómica de Francia.
Traballando en rede durante estes tres anos, centráronse en vixiar os movementos da avespa asiática e loitar contra a invasión biolóxica que avanza de forma incesante por Europa desde hai unha década.
De feito, Atlantic-POSitiVE é, dende o seu lanzamento en 2019, o maior proxecto posto en marcha en Europa de loita contra esta especie, orixinaria do sudeste asiático, que dende que chegou á costa atlántica se converteu nunha ameaza para a biodiversidade xa que é un importante depredador de abellas e outros polinizadores.
A pesar de que a comunidade científica aínda non foi quen de frear a súa continua expansión, iniciativas internacionais coma esta tratan de estudar os seus procesos de expansión para poder desenvolver medidas de control e preservar as poboacións autóctonas de polinizadores.
Froitos de tres anos de investigación
A pesar do innegable efecto que tivo a pandemia da covid-19, este mes conclúen os seus tres anos de duración do proxecto, que se levou a cabo ao abeiro da segunda convocatoria do programa de Cooperación territorial Interreg, Espazo Atlántico 2014-2020, financiado ao 75% con fondos FEDER.
Neste tempo, o consorcio presentou en diferentes foros, congresos e xornadas resultados exitosos que demostran como a colaboración internacional no marco de proxectos europeos pode servir para loitar contra comunas problemáticas.
Por unha banda, os centros de investigación, administracións e produtores implicados realizaron un radio-seguimento da avespa velutina ata os seus niños e desenvolveron un software para rexistrar os seus movementos e unha páxina web colaborativa para xestións relacionadas coa especie.
Ademais, crearon unha plataforma de predición en liña para avaliar o risco de invasión e monitorar os cambios na distribución da especie con ferramentas estatísticas e tecnolóxicas.
Tamén se puxo en marcha un protocolo para a captura, o rastrexo e a vixilancia radioeléctrica do insecto e establecéronse métodos para localizar os niños. A maiores, realizouse unha análise molecular de parasitos que poden afectar á especie invasora. Neste tempo, tamén se celebrou un congreso científico internacional que tivo lugar no campus de Vigo en novembro de 2021 e unha campaña educativa, así como múltiples iniciativas relacionadas coa prevención e a sensibilización en Irlanda e Reino Unido.
Dous grupos da UVigo implicados
No proxecto Atlantic-POSitiVE foron dous os grupos da UVigo implicados. Por unha banda, o Grupo de Bioloxía Ambiental, que se encargou de avaliar o impacto da avespa velutina sobre a polinización, mellorar os métodos de control e a detección de niños empregando sistemas de radiotelemetría e trampas con cebos específicos.
Por outra banda, o Grupo de Aerobioloxía e Apicultura centrouse no estudo da dieta do avespón, o estudo do ciclo anual e a súa relación coas condicións meteorolóxicas e ambientais e as técnicas para o manexo das colmeas en zonas invadidas para axudar a reducir o impacto desta especie invasora sobre as abellas da mel e a apicultura