Ás 9:20 desta mañá quedaron constituídas as 3.960 mesas electorais que acollerán durante a xornada de hoxe as eleccións xerais en Galicia. A esa hora rexistrouse a última apertura de Galicia na mesa situada na antiga escola de Sequeiros, en Valdoviño.
Pasados 57 segundos das oito da mañá quedaron constituídas as dúas primeiras mesas electorais en Galicia na Escola de Bermes, en Lalín (Pontevedra), e na Casa da Cultura de Albarellos, en Monterrei (Ourense). Ás 8 e 1 minutos constituíronse as primeiras mesas electorais na provincia de Lugo, en Xermade, e na provincia da Coruña, no local social da antiga sociedade gandeira A Paraxe, en Narón. Lugo foi a primeira provincia en ter constituídas as súas 530 mesas electorais ás 9.02 horas.
A apertura completouse sen incidencias reseñables. A máis significativa é que no Centro Sociocultural de Teo incorporouse o primeiro votante como membro da mesa.
Aínda que o censo electoral para este proceso en Galicia ascende a 2.688.623 persoas, 472.140 persoas están censadas no estranxeiro (censo CERA) e 139.068 persoas optaron por exercer o seu dereito ao voto por correo polo que o censo chamado a acudir ás urnas hoxe é de 2.077.415 persoas.
Estas eleccións decidirán un total de 23 deputados e deputadas: 8 na Coruña, 7 en Pontevedra, 4 en Lugo e 4 en Ourense. Tamén elixirán a 16 senadores: 4 por provincia, á marxe dos senadores elixidos por designación autonómica. En total proclamáronse 38 candidaturas ao Congreso e 34, ao Senado.
Galicia contará con 3.960 mesas distribuídas en 2.350 locais electorais. Haberá dispoñibles 7.920 urnas e 3.445 cabinas para elixir as papeletas. En total, imprimíronse 29 millóns de papeletas para o Congreso e 3 millóns de papeletas para o Senado.
Estas mesas están atendidas por 11.880 membros de mesa e por 2.576 representantes da Administración, que se encargaron de verificar a correcta apertura das mesas, resolver incidencias e que recollerán os datos de participación e do reconto de voto. Ademais, unhas 300 persoas conforman os centros de incidencias electorais na Delegación do Goberno e nas subdelegacións do Goberno en Lugo, Ourense en Pontevedra que, en colaboración coas Xuntas Electorais, están atendendo calquera necesidade das mesas.
Para garantir a seguridade desta xornada, a Delegación do Goberno coordina un dispositivo de 6.018 membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Deles, 1.730 pertencen á Policía Nacional; 3.297, á Garda Civil e 991, á Policía Local.
Resultados
Haberá dous avances de participación: ás 14 e ás 18 horas. Ás 20 horas pecharanse as mesas e empezará o escrutinio, sumando os votos efectuados en mesa coa incorporación dos votos emitidos por correo. Os representantes da Administración presentes nas mesas realizarán a comunicación dos resultados, que poderán seguirse en tempo real a través da web de resultados das eleccións xerais e da aplicación móbil habilitada polo Ministerio do Interior.