O Concello de Vigo presentou este luns os actos organizados para conmemorar o Día Internacional da Violencia contra as mulleres. O programa, que comeza este martes 16 de novembro e remata o vindeiro 3 de decembro, foi avanzado en rolda de prensa polo alcalde, Abel Caballero; a concelleira de Igualdade, Uxía Blanco; Purificación Bernárdez Álvarez, da Secretaría da Muller de CCOO e vicepresidenta do Consello Municipal da Muller, e Rosa Chantada Abollo, representante da Asociación «Mulleres e palabras».
O programa municipal comeza a desenvolverse este martes, 16 de novembro, coa proxección de seis curtametraxes realizadas por alumnas de Belas Artes cun coloquio posterior moderado por Xisela Franco. Celébrase no Auditorio Municipal ás 19:30 horas. O sábado día 20, ás 12:00 horas, será a presentación da obra “Comando igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas” de Chis Oliveira e Priscila Retamozo no Marco.
A segunda semana do programa comeza o martes 23 coa proxección ás 20 horas do filme “Só miña” de Javier Balaguer no Auditorio Municipal. O mércores 24, no Salón de Plenos do Concello, ás 9 horas, lectura da declaración institucional polo “Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres” a cargo do Consello Municipal da muller, este ano da man da Asociación Mulleres e Palabras. Tamén o mércores, ás 20 horas, no Auditorio Municipal, proxección do filme “O que non che mata” de Alexe Poukine.
Un dos actos centrais da conmemoración do Día Internacional da Violencia contra as mulleres será o 25 de novembro co EnlazaVigo 2021, que se desenvolve baixo o lema “A mocidade viguesa contra a violencia sexual” cun encontro virtual con alumnado e centros de secundaria ás 11:00 horas no Auditorio Municipal. A partir das 20:00 horas, haberá manifestación convocada por Feminismo unitario de Vigo con saída desde Vía Norte con Urzáiz.
Amais, o Concello organiza as xornada formativas 25N o 1 e 2 de decembro, con relatorios presenciais, entre as 17 a 20:30 horas, no Auditorio Municipal, con inscrición previa. As charlas correrán a cargo de María Xosé Porteiro sobre violencia de xénero nos medios; a Asociación Galega contra ou Malos tratos a Menores abordará a resposta institucional ante o maltrato a menores; Rosa Cobo Bedía disertará sobre o proceso de normalización e naturalización da violencia de xénero, desde a educación Infantil ata a universidade; Mari Lires falará sobre a economía política da explotación sexual e Paz Filgueira tratará sobre a normativa en materia de violencia de xénero.
O peche de actividades será o vindeiro 3 de decembro ás 20:00 horas, co concerto de Fillas de Cassandra e Su Garrido Pombo, no Auditorio Municipal, con entrada libre ata completar aforo.